Lugo contará cunha plataforma smart que conecte todos os seus servizos públicos e de información

xoves, 21 de outubro do 2021 S. P.

O Concello de Lugo contará en datas vindeiras cunha plataforma de xestión integral de servizos públicos intelixente (smart). A ferramenta, que se habilitará ao abeiro da Estratexia DUSI-Muramiñae, é froito do impulso dado á modernización tecnolóxica da Administración local pola alcaldesa, Lara Méndez, quen explicou que se trata dunha “solución que permitirá realizar unha xestión máis eficiente na prestación dos servizos públicos e que mesmo contribuirá a definilos novamente”.
O rumbo a seguir será o de dar forma “a un cerebro tecnolóxico con capacidade para conectar todos os elementos que interveñen na captura, tratamento, análise e publicación de información municipal, facilitando a súa conexión con outros sistemas actualmente operativos e mellorando a conectividade pero tamén a accesibilidade e a participación cidadá”, engadiu Lara Méndez.
A licitación, que ten un orzamento base de 322.000 euros, tamén permitirá á institución dotarse de elementos hardware e software que “melloren e abran novas canles de comunicación”, propiciando o coñecemento transversal do estado dos servizos públicos e incrementando a súa capacidade de resposta así como a inmediatez das intervencións. Tamén posibilitará a dotación de maior capacidade para o análise de datos, aumentando a transparencia e o seu desenvolvemento aberto como xa contempla o proxecto Lugo Smart City, engadiu a rexedora.

PUBLICIDADE