Lugo dá un pulo tecnolóxico ao seu sistema de retransmisión de plenos para achegalo á cidadanía

mércores, 6 de setembro do 2023 S. P.

O Concello de Lugo, ao abeiro da súa estratexia de “achegar a política á veciñanza”, realizará un investimento de 126.655 euros para transformar o sistema de retransmisión das sesións plenarias e optimizar o funcionamento interno das mesmas. O obxectivo é, tamén, “simplificar o acceso ao contido dos plenos, mellorar a súa realización en directo e garantir a calidade da súa emisión en streaming”. O sistema permitirá emitir ao vivo calquera tipo de evento que teñan lugar neste espazo, desde comparecencias a actos de carácter institucional.
Como parte deste sistema de transformación dixital no salón de plenos despregarase un subsistema integrado de debate e votación dixital que disporá de unidades de palabra e votación para os participantes presenciais e que, segundo informou o Concello, “abre a posibilidade de habilitalo para facelo a distancia no futuro”. Ademais, contará cun sistema de tomas concibido para xornalistas que vai permitir captar o son dos eventos, con independencia do sistema que utilicen. Está previsto que o conxunto de melloras estea totalmente operativo antes de que remate o ano.
“Como Administración apostamos por contribuír a combater a desinformación que prolifera en determinados foros a través das redes sociais simplificando na medida do posible o traballo dos medios de comunicación e poñendo toda a información xerada nas sesións plenarias a disposición da sociedade lucenses en tempo real” sinalou a concelleira Paula Alvarellos, engadindo que esta iniciativa tamén servirá para introducir un servizo de vídeo-actas que tamén será utilizado durante o transcurso da comisións.
“Este avance na instauración da Administración Electrónica terá importantes repercusións no funcionamento interno xa que simplificará o traballo dos funcionarios, o que permite optimizar os recursos e avanzar na calidade da atención cidadá”, apuntou a edil, engadindo que a implantación de todo este conxunto de melloras realizarase no marco da estratexia DUSI e conta cun 80% de financiamento da UE a través dos fondos FEDER.
“Con está aposta polo cambio no funcionamento dos plenos e nas dinámicas internas do Concello, o Executivo de Lara Méndez amosa unha vez máis o seu compromiso coa transparencia. É necesario favorecer unha divulgación proactiva da información como resposta a peticións provenientes da cidadanía”, engadiu.

PUBLICIDADE