Lugo estrea bancos intelixentes con Wi-Fi e sensores

xoves, 28 de xullo do 2022 S. P.

O Concello de Lugo, ao abeiro do seu proxecto de Smart City, vén de habilitar bancos intelixentes con conectividade Wi-Fi e sensores que achegan aos usuarios información sobre a calidade ambiental. Ademais, ofrecen aos cidadáns a posibilidade de recargar bicicletas eléctricas, así como diferentes dispositivos como teléfonos ou tabletas.
“Este novo mobiliario urbano estará situado no marco da nova senda verde ciclista de Lugo”, explicou a rexedora Lara Méndez, quen subliñou que “a súa instalación comezou o pasado venres e actualmente estanse a configurar para que proximamente poidan entrar en funcionamento e, deste xeito, poñelos a disposición de toda a cidadanía”.
Lara Méndez engadiu que “o seu uso será moi doado e intuitivo e contarán, ademais, cunhas instruccións accesíbeis a través dun código QR en varios idiomas”. Os bancos dispoñen así mesmo dun aparcabicis por cada lateral.
Nestes momentos, xa se atopan instalados catro bancos, diante do instituto Leiras Pulpeiro, na rúa Orquídea; fronte ao Mercadona da Fonte dos Ranchos; na beirarrúa dereita da Rolda do Carme (en sentido Fonte dos Ranchos); á altura do cruce do Camiño Primitivo (onde se sitúa o paso de peóns intelixente); e na parte alta da rúa Santiago, preto da Rolda da Muralla. Máis adiante, instalarase un quinto no Paseo do Miño, na zona próxima á ponte romana.
Os bancos, dotados con paneis solares, contan con sensores de temperatura, humidade e presión; luz ambiental LED; portos de recarga de dispositivos electrónicos, a través de cable e tamén sen fíos, entre outras especificacións. Ademais, disporán dun compresor de aire, para o inflado de rodas, e un kit básico de ferramentas para o arranxo de bicicletas.

O Goberno de Lara Méndez instala bancos intelixentes con Wi-Fi e sensores que proporcionan información sobre a calidade ambiental

PUBLICIDADE