Lugo forma aos seus maiores en novas tecnoloxías

mércores, 21 de outubro do 2020 S. P.

Comezou en Lugo o curso de capacitación dixital para maiores de 65 anos que organiza o Concello a través de Benestar Social. A responsábel deste departamento, Olga López Racamonde, deu este mércores a benvida ás e aos participantes desta actividade formativa, que vai orientada a achegarlles capacitación para sacar o máximo rendemento das novas ferramentas no seu día a día (para comunicarse, para informarse, para manterse activos e para incrementar a súa autonomía e adaptación aos cambios tecnolóxicos).
A concelleira visitou as instalacións do Edificio de Novas Tecnoloxías, que xunto a aula CeMIT María Balteira, son as localizacións nas que se imparte a formación. Olga López sinalou que aínda quedan prazas libres á disposición da veciñanza e convidou á cidadanía a inscribirse: “Cómpre lembrar que se desenvolve en catro convocatorias, en períodos de 10 días, a razón dunha hora por xornada que pode ser tanto en quenda de mañá como de tarde e que os usuarios e usuarias poderán escoller conforme as súas preferencias”.
Segundo indicou a concelleira, para completar as 9 prazas habilitadas por quendas, priorizaranse factores como a situación de vulnerabilidade, os recursos económicos e mesmo o nivel de soidade das e dos candidatos.
A matrícula poderá realizarse ben a través dos números de teléfono 646706344./ 689307601 en horario de 9:00 a 14:00; ben do correo electrónico animacion.sociocultural@lugo.gal ou ben de xeito presencial, solicitando cita previa nos centros sociais Maruja Mallo ou Milagrosa.
López Racamonde recordou que dende Benestar Social convocouse tamén outro curso para adquirir competencias na tramitación básica coa Administración Electrónica, neste caso destinado a persoas usuarias dos Servizos Sociais que xa teñan coñecementos básicos no manexo do ordenador e que terá unha duración de tres semanas a razón de hora e media diaria.

PUBLICIDADE