Lugo incorporará un axente local de innovación para impulsar proxectos de vangarda tecnolóxica

xoves, 11 de decembro do 2025 S. P.

O Concello de Lugo incorporará un axente local de innovación para impulsar os programas de tecnoloxía avanzada ao abeiro das distintas áreas e concellerías, con especial atención aos plans máis avanzados do proxecto Novo Norte, como pode ser a creación e posta en funcionamento da parroquia 55, de carácter virtual.
A Administración local contará a primeiros do ano que vén con este axente local, gracias a que Lugo foi unha das cinco urbes de Galicia en obter a subvención da Secretaría de Estado de Ciencia, Innovación e Universidades, no marco das cidades que integran a Red Innpulso.
A prestación de asistencia tecnolóxica e de asesoramento dixital nos distintos servizos municipais, permitirá ao Concello de Lugo “seguir avanzando noutros proxectos como poden ser a Rede de Destinos Turísticos Intelixentes ou na aplicación das novas tecnoloxías aos servizos municipais para unha administración máis áxil, accesible e eficiente”, informaron fontes do Consistorio.
O edil de Dinamización Económica, Mauricio Repetto, sinalou con respecto á contratación deste axente local de innovación “que vai ser importante para manter e seguir traballando nun Concello de vangarda, que avanza no eido dixital e tecnolóxico”.
Ademais, engadiu, “terá especial implicación na posta en marcha dalgúns dos proxectos máis innovadores do Novo Norte, como pode ser a creación e entrada en funcionamento da parroquia 55, que é de carácter virtual, e que consiste nun rexistro dixital para dinamizar á poboación migrante e facer actividades de participación e integración social la través das Tecnoloxías da Información e a Comunicación, as TIC”.
Mauricio Repetto explica que “esta será a segunda vez que o Concello de Lugo conte cun axente local de innovación, gracias a obtención desta subvención, que xa foi un activo máis de cara á implantación de servizos á cidadanía mediante a Administración Electrónica e tamén prestando asesoramento no CEI Nodus aos proxectos de promoción ao ecosistema local de emprendemento e innovación, en todo o que se refire á dixitalización e servizos tecnolóxicos no noso viveiro de empresas, onde precisamente terá a súa sede este axente local de innovación”.
Ademais, está previsto que continúe prestando asistencia en materia de innovación noutros plans e servizos, como na Rede de Destinos Turísticos Intelixentes, como ferramenta transformadora cara a un modelo de xestión intelixente e un desenvolvemento turístico máis moderno, sostible e innovador, ou con iniciativas destinadas á modernización da Administración local e de moitos dos servizos aos que ten acceso a cidadanía, permitindo unha maior participación da veciñanza lucense na política municipal.