Lugo introduce á cidadanía nas principais utilidades das redes sociais

luns, 30 de outubro do 2017 Redacción

O Edificio de Novas Tecnoloxías de Lugo, centro neurálxico da formación TIC na cidade da Muralla, está a acubillar estes días unha actividade divulgativa sobre redes sociais, achegando conceptos e habilidades sobre como comezar a tirarlles proveito, que tipo delas convén para os intereses de cada quen ou como iniciarnos en cada unha das máis relevantes. Este venres o obradoiro chegou ao seu punto álxido coa visita da concelleira de Concello e Cidadanía, Rosana Rielo, quen compartiu impresións cos participantes do curso que se está a desenvolver na sala de formación do Edificio de Novas Tecnoloxías ao abeiro do programa de ensino Tecnoloxíza-T!
Segundo lembrou, o Concello está a organizar até decembro diferentes alternativas de formación TIC dende o Edificio, entre as que se inclúen un obradoiro sobre mercadotecnia dixital, outro taller sobre trámites bancarios en liña, outro sobre comunicación dixital, outro sobre os principais servizos e rendementos da nube, outro sobre como atoparmos os mellores resultados nas procuras feitas nos buscadores (posicionamento e SEO), outro sobre as vantaxes e beneficios do Whatsapp, outro sobre creación de aplicacións, outro obradoiro sobre tabletas, outro sobre programación e, para rematar, outro obradoiro sobre retoques fotográficos co noso smartphone.
Todas as persoas interesadas en participar poden inscribirse no Edificio de Novas Tecnoloxías, na Praza de Anxo Fernández Gómez, aberto de luns a venres, de 10:00 a 13:00 horas, e de 17:00 a 21:00 horas, e os sábados de 17:00 a 21:00 horas. A data de inscrición, que é distinta para cada actividade, pode consultarse ben no propio centro, a través do teléfono de atención cidadá 010 ou en www.lugo.gal.

PUBLICIDADE