Lugo investiu 3,6 millóns de euros en fomentar o emprego pola vía tecnolóxica e innovadora

xoves, 3 de agosto do 2017 Redacción

A concelleira de Economía e Emprego Ana Prieto nunha rolda de prensa recente

O Concello de Lugo fixo reconto hoxe das súas medidas destinadas a fomentar o emprego a través da innovación e as novas tecnoloxías. A máis recente destas medidas é o obradoiro de emprego denominado TIC-Arqueolóxico, que conta cun orzamento de 224.000 euros e que ten como obxectivo a posta en valor e comunicación do patrimonio arqueolóxico de Lugo, ao mesmo tempo que se facilita a formación de 16 persoas desempregadas maiores de 18 anos. Ademais, o TIC-Arqueolóxico está encamiñado a impulsar a actividade no Vello Cárcere, centro que conta precisamente cun espazo dedicado á arqueoloxía.
Este obradoiro ten unha duración de nove meses e todo apunta a que arrincará a finais de setembro. Entre as diferentes especialidades formativas a impartir coas que conta atópase a dixitalización en 3D de bens móbeis e inmóbeis do patrimonio histórico e arqueolóxico do municipio, a elaboración de diversas programacións culturais para desenvolver no Vello Cárcere e a creación dunha canle cultural.
Amais desta actividade formativa e dinamizadora, o Concello de Lugo tamén ten abertas outras frontes a prol do emprego, constituíndo todas elas un programa de oito proxectos con 3,6 millóns de euros investidos no que vai de lexislatura (dous anos de Goberno). Segundo apuntou o Consistorio, o devandito orzamento significa que se investiron 529 euros por persoa desempregada. O programa acubilla (entre outras) iniciativas como o Inicia Coworking (pensado para dar asesoramento a 260 emprendedores), o obradoiro EmpregaTIC (que abriu oportunidades laborais a máis de 15 mozos e mozas en materia de novas Tecnoloxías da Información e Comunicación) ou o Plan Mellora Lugo, (destinado a fomentar a empregabilidade e a mellora de servizos municipais, achegando formación a 20 desempregados).
Estas achegas únense ao TIC-Arqueólico, o Lugo Cóidate (que ofrecerá formación e traballo no coidado e atención de persoas maiores, dependentes e nenos e nenas), e o Empregalia (encamiñado a proporcionar á mocidade de Lugo capacitación en sectores innovadores).

PUBLICIDADE