Lugo lanza unha web que facilita en tempo real información sobre o bus urbano

venres, 26 de novembro do 2021 S. P.

O tenente alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, presentou esta semana un novo recurso web municipal destinado a facilitar a mobilidade sustentábel da veciñanza: o portal de información en tempo real do servizo de bus urbano, urbanoslugo.com. Trátase, dixo, “dunha nova iniciativa dirixida a modernizar o transporte público de Lugo”, permitindo á veciñanza o seguimento en directo das liñas na web, na que as persoas usuarias poderán ver en tempo real canto falta para que o bus chegue á súa parada.
Neste primeiro lanzamento, a web da a información en tempo real de 275 paradas, “a totalidade das paradas da zona urbana, as máis concorridas do servizo de transporte público”.
A través desta ferramenta en liña, as veciñas e veciños poden obter toda a información relativa ao bus urbano, como o mapa de liñas, información sobre as tarifas ou sobre a tarxeta cidadá. Rubén Arroxo destacou que “continuamos a mellorar o bus urbano de Lugo, que co novo modelo permite que practicamente toda a veciñanza de Lugo teña conexión directa co HULA ou coas áreas industriais”. A web únese ás 23 pantallas colocadas nas principais pantallas.

PUBLICIDADE