Lugo loce potencial innovador na entrega do Premio Peme do Ano

venres, 3 de xullo do 2026 S. P.

Onte celebrouse finalmente a entrega do X Premio Peme do Ano Lugo 2026, galardón que pon en marcha a Cámara de Comercio de España, a Cámara de Comercio de Lugo e o Banco Santander. Nesta edición, a entidade galardoada con este recoñecemento foi para Logística Reyco, unha compañía de transportes con sede en Foz e case 30 anos de traxectoria, recoñecida pola súa expansión internacional, a súa estabilidade comercial e a súa forte aposta pola creación de emprego.
Tamén foi distinguida a tecnolóxica Transmedia Comunicacións e Prensa, axencia de publicidade e comunicación integral situada en Lugo, especializada en ofrecer servizos de produción editorial, mercadotecnia en liña, deseño gráfico e produción audiovisual. A súa actividade principal céntrase na xestión e desenvolvemento de proxectos de comunicación tanto para empresas privadas como para institucións públicas
Durante o evento, que se celebrou na Palloza, o deputado de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, Miguel Fernández Méndez (Deputación de Lugo), destacou a importancia de recoñecer o labor do tecido empresarial lucense e subliñou o papel das pemes no desenvolvemento sostible do territorio.
Amais, felicitou á Cámara de Comercio pola organización destes premios, que “conseguen ano tras ano poñer rostro ás empresas que fan medrar esta provincia”. Engadiu que o conxunto de proxectos recoñecidos “demostran a diversidade e a fortaleza do tecido empresarial lucense”, que representa o 97% do tecido empresarial da provincia.
Amais de Reyco, nesta edición foron distinguidas Transmedia Comunicacións e Prensa, co Accésit de Dixitalización e Innovación; Zuri Investiments, co Accésit de Formación e Emprego; Terras de San Martiño de Pacios, co Accésit de Internacionalización; e Gestión Gratelu, co Accésit de Peme Sostible.
Así mesmo, na categoría de Mención Especial ao Legado Empresarial, unha das principais novidades desta edición, foi distinguido o Grupo El Progreso pola súa longa traxectoria e ao seu impacto social e económico na provincia.