Lugo mostrou a súa arela de modernidade no Foro das Cidades

luns, 18 de xuño do 2018 Fernando Sarasketa

Os pasados días celebrouse en Madrid a terceira edición do Foro das Cidades, un encontro internacional para partillar proxectos e iniciativas en materia de sustentabilidade urbana e Cidades Intelixentes. Na cita houbo presenza galega. Por exemplo a da alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, que mostrou o modelo de cidade smart da cidade da Muralla, poñendo o foco no programa Lugo+Biodinámico (dirixido a impulsar o urbanismo innovador e un mellor aproveitamento da riqueza forestal) ou no programa Lugo Smart City, a vertente máis decididamente TIC das estratexias de innovación urbana da cidade. No foro participaron 75 urbes e máis de 200 relatoras/es.
A alcaldesa lucense participou sesión sobre Renaturalización Urbana e Infraestruturas Verdes, na que tomaron parte tamén Valladolid, Vitoria e Barcelona. Moderou Iñaki Viñuela, paisaxista e membro da Asociación Española de Paisaxistas.
Lara Méndez subliñou que “a capacidade transformadora do global que temos desde o local” materialízase a través dos modelos de cidade, que no caso de Lugo, apuntou, ten “moito que ver” co propio lema do Foro das Cidades: “Espazos urbanos para a sustentabilidade e o benestar”. Segundo fixo saber, a intención firme do Goberno que preside é deseñar políticas públicas para facer de Lugo unha cidade máis accesíbel, cómoda, humana, máis verde, sustentábel, máis social e con máis espazos públicos para uso público.
Cómpre lembrar que entre as iniciativas smart do Goberno local de Lara Méndez atópase como dixemos o programa Lugo Smart City, que ten un orzamento de 4,1 millóns de euros, o 60% do cal vén da man dos fondos europeos FEDER, e cuxo obxectivo é implantar a Administración Electrónica e avanzar cara a xestión sustentábel e eficiente dos servizos públicos aproveitando as oportunidades que ofrecen as novas tecnoloxías, o que redundaría “nun aforro económico e enerxético”. Entre outras medidas, desenvolverase a xestión intelixente dos aparcamentos (con sensores sen fíos que detectarán prazas ceibas); do servizo de recollida de lixo (con sensores de almacenamento nos contedores para detectar se están cheos); do alumeado público (co regulamento do fluxo de luz a través de dispositivos de control) o dos contadores de auga (coa lectura e supervisión a través de GPRS ou 3G).

PUBLICIDADE