Lugo, na directiva da Rede de Cidades Intelixentes de España

venres, 14 de febreiro do 2020 Redacción

O Concello de Lugo vén de integrarse na directiva da Rede de Cidades Intelixentes de España, un organismo de innovación e sustentabilidade destinado a intercambiar coñecemento e sumar forzas para acadar melloras locais en xestión, comunicación, eAdministración e transparencia, entre outros moitos parámetros. O edil de Urbanismo Sostible, Miguel Couto, acudiu este xoves á asemblea xeral ordinaria da RECI, celebrada en Logroño, en representación do Goberno lucense.
O concelleiro destacou que Lugo é un dos dous únicos municipios de Galicia, xunto á A Coruña que forman parte da xunta directiva do organismo. No encontro deste xoves, o equipo responsábel da entidade acordaba a súa renovación.
Miguel Couto salientou tamén a importancia de “formar parte desta rede que ten por obxecto xerar unha dinámica de cooperación e unha rede colaborativa entre localidades intelixentes dentro da cal, Lugo conta cun lugar destacado polos pasos dados até o momento para promover unha xestión automática e eficiente das infraestruturas e os servizos urbanos á par da redución do gasto público”.

PUBLICIDADE