Lugo ofrece 75 prazas de balde nun curso de manexo de drons para a mocidade

martes, 10 de maio do 2022 S. P.

O Goberno da alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, a través do Servizo de Prevención de Drogodependencias e outras adiccións da área de Xuventude, que dirixe o edil o Mauricio Repetto, organiza un curso gratuíto de piloto de drons, que disporá de 75 prazas, dirixido a lucenses de 16 a 30 anos empadroados no municipio.
O obxectivo da iniciativa, que se enmarca no programa +Xti, subvencionado polo Plan Nacional sobre Drogas, é ofrecerlle á mocidade “unha oportunidade de formación nunha actividade que está a emerxer con forza con moitas saídas en diversos sectores do mercado laboral”, sinalou o concelleiro, que indica que “é unha primeira toma de contacto totalmente práctica”.
A actividade, na que poderá participar alumnado sen coñecementos previos, durará 2 horas, en horario de 16.00 a 18.00 horas ou de 18.00 a 20.00 horas, os xoves e venres, e os sábados de 10.30 a 12.30 ou de 12.30 a 14.30. As persoas interesadas poden inscribirse de maneira individual ou en parella, xa que cada hora atenderase exclusivamente a 2 persoas para asegurar a atención merecida e a oportunidade de participación dos asistentes.
As prácticas realizaranse nunha pista con permiso para voar con drons, situada en Lugo. O monitor encargado da actividade contactará previamente con todos os rexistrados para aclarar calquera dúbida relacionada coa localización.
As inscricións abríronse este luns 9 de maio a través da web de +Xti.

PUBLICIDADE