Lugo pon en marcha unha web para favorecer a sustentabilidade e a participación cidadá

mércores, 22 de marzo do 2017 Redacción

O Concello de Lugo puxo en funcionamento estes días a web www.lugobiodinamico.eu, un portal co que se busca implicar á cidadanía en cuestións de medio ambiente e produtividade, ou mellor dito, nas metodoloxías máis acaidas e avanzadas para protexer a natureza ao tempo que se crean empregos e riqueza. Máis en detalle, a web vai destinada a informar polo miúdo do proxecto europeo Lugo+Biodinámico e, tamén, a fomentar a cooperación arredor del. Trátase dunha iniciativa dotada con 3,5 millóns de euros coa que se desenvolven proxectos a prol do urbanismo sustentábel, o aproveitamento sostíbel dos bosques e a mellora da calidade de vida da veciñanza.
Segundo informa o Concello, a nova web contén información sobre as actuacións impulsadas polo Goberno local no marco do programa, documentación, sección multimedia, actualidade, unha axenda, enquisas, traballos en rede e un formulario de contacto. Ademais, todos os contidos do mesmo están accesíbeis en tres idiomas: galego, castelán e inglés.
De maneira complementaria e tirando proveito desta ferramenta tecnolóxica, o Concello implicará á cidadanía no desenvolvemento do proxecto europeo a través dunha enquisa que ten como obxectivo, nas súas palabras, “fomentar a participación no desenvolvemento de estratexias de mitigación e adaptación ao cambio climático na cidade”, así como avaliar o nivel de coñecemento e satisfacción do proxecto Lugo+Biodinámico. Os veciños poderán cubrir a enquisa vía on line dende hoxe até o día 30 de abril.

PUBLICIDADE