Lugo presentará en Greencities, ante gobernos locais de todo o mundo, o seu proxecto smart

venres, 6 de abril do 2018 Fernando Sarasketa

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez

O proxecto smart do Concello de Lugo (dirixido a converter a cidade da Muralla nun espazo máis sustentábel, racional, eficiente, mellor xestionado e comunicado e máis amábel con residentes e turistas) vaise poder ver ao detalle nun dos encontros máis referenciais (senón o que máis) do eido estatal no ámbito das urbes intelixentes. Falamos do evento Greencities, a novena edición do Foro de Intelixencia e Sustentabilidade Urbana, senlleiro acontecemento sobre xestión urbana smart que se celebra no Pazo de Feiras e Congresos de Málaga (FYCMA), entre os días 25 e 26 de abril. O Concello de Lugo estará presente nas xeiras de traballo en rede.
Participarán representantes de concellos de toda España e dunha manchea de países pero tamén empresas e profesionais por conta propia, todas e todos xuntando forzas (e compartindo coñecementos) a prol de facer das nosas cidades mellores sitios para vivir, botando man das novas tecnoloxías e dos seus novos elementos: datos a gran escala (Big Data), comunicacións de alto rendemento, cálculo avanzado, aprendizaxe das máquinas (Machine Learning) ou Internet das Cousas (IoT).
Concretamente, a Málaga desprazarase o enxeñeiro Municipal, Miguel Ángel Negral, que mostrará os detalles e os obxectivos de Lugo Smart City, a iniciativa de 4,1 millóns de euros para converter a cidade luguesa en intelixente e sustentábel. Segundo avanzou a conto desta participación en Greencities o concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Persoal, Daniel Piñeiro, “estarmos presentes neste foro, que na pasada edición reuniu a 200 cidades e 38 países, con máis de 3.400 visitantes e 900 empresas e entidades presentes; supón unha oportunidade para completar a visión de smart, un concepto que entende que ten que ser global e transversal a todas as áreas municipais, de aí xa que o proxecto se realizara dende distintas concellerías e diversas áreas”.
Piñeiro salienta que o evento “entronca ademais co modelo de cidade que queremos para Lugo dende o Goberno, unha cidade sustentábel, eficiente e innovadora; máis accesíbel, cómoda e humana, con máis espazos públicos para uso público e coa persoa no centro de toda acción política”.
O Concello lucense tamén salienta as potencialidades do programa de presentacións do congreso, constituído por conferencias e mesas redondas, así como por unha zona expositiva con solucións amplas e diversas para cubrir as necesidades específicas das cidades intelixentes, “con gran protagonismo das Tecnoloxías da Información e a Comunicación, e os procesos de transformación dixital”. Tamén haberá espazos específicos para o networking e a xeración de oportunidades de negocio e colaboración.

PUBLICIDADE