Lugo renova a aplicación cidadá para a comunicación de incidencias de mantemento

martes, 17 de outubro do 2023 S. P.

O Concello de Lugo reactivou a aplicación Liña Verde baixo o nome de BitPayt, Lugo Verde nas Túas Mans, impulsada dende a área de Transición Ecolóxica que dirixe Miguel Fernández. Os traballos de renovación e actualización, realizados dende o remate do verán, dirixíronse en parte a sincronizar a ferramenta coa páxina web do servizo municipal, propiciando o intercambio de información entre os dous soportes. A app BitPayt ten por vocación fomentar a participación da poboación poñendo o uso das novas tecnoloxías ao servizo da veciñanza.
En palabras do concelleiro Miguel Fernández, a través desta ferramenta, “sinxela e moi intuitiva no seu manexo”, os e as lucenses dispoñen novamente “dunha canle directa co Concello para informar de xeito inmediato de todas aquelas incidencias que gardan relación co mantemento das dotacións públicas da cidade”. O edil engadiu que as persoas usuarias que queiran empregala “só terán que descargala e rexistrarse nela de xeito gratuíto para comenzar a utilizala”.
E engadiu: “A partir dese momento poderán formular peticións e achegar avisos sobre a situación na que se atopan os colectores de lixo ou as papeleiras, se están cheos, avariados, se presentan danos ou se atopan desbordados, pero tamén poderán dar conta de maiores necesidades de aseo en vías da capital pola presenza de pintadas, de vertidos de aceite ou doutro tipo de residuos e sucidade, e mesmo solicitar a recollida de aveños, de restos de poda, etc, incluíndo a posibilidade, ademais, de notificar calquera outra problemática vencellada coa rede de sumidoiros, control de aves, conservación de parques e xardíns, entre outras opcións”, abondou o concelleiro.
Miguel Fernández sinalou que un equipo de expertos atenderá con celeridade e dará resposta a todas esas notificacións para darlles non só solución, senón que tamén informará á ou ao interlocutor de como avanza a tramitación das mesmas. “De maneira que todas esas comunicacións activas quedarán ancoradas na páxina principal para favorecer o seu seguimento”.
A maiores, na ferramenta as e os usuarios disporán dunha Guía de Reciclaxe con toda a información sobre a separación selectiva , “tratando de favorecer deste xeito o uso de boas prácticas ambientais no desenvolvemento dun municipio sostible”, concluíu Miguel Fernández.

PUBLICIDADE