Lugo volve ser un referente das tecnoloxías aéreas co XVI Criterium Aeronáutico

mércores, 18 de setembro do 2024 S. P.

A 16ª edición do Criterium Aeronáutico foi presentada este 18 de setembro en Lugo polo deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera, que informou que o evento celebrarase na última fin de semana de setembro do 27 ao 29 de setembro no Aeródromo de Rozas, coincidindo coa celebración da XXXVIII edición da Volta Aérea Galaico-Duriense. Na cita celebrada na sede da Deputación de Lugo participaron tamén o presidente do Real Aeroclub de Lugo, Francisco Abelleira Álvarez e o concelleiro de Xuventude e Deportes de Lugo, Jorge Bustos Atanasio, entre outras autoridades.
Na súa intervención, Rivera Capón destacou que a institución provincial colabora con este evento cunha achega de 10.000€ e recalcou que “somos a administración pública que destina unha maior contía económica, financiando preto do 50% desta cita”.
O deputado salientou tamén que “o Aeródromo de Rozas recibirá a numerosos deportistas, turistas e veciños e veciñas da provincia que poderán achegarse ao mundo aeronáutico a través de numerosas actividades”.
A programación inclúe saltos en paracaídas, voos de introdución, exposición de medios aéreos e proxectos aeonáuticos do ciclo de Aeromecánica do CIFP As Mercedes, mostras de vehículos aéreos non tripulados (drons) e de todo tipo de aeronaves ou exhibicións de pilotos profesionais, así como outras actividades.
O deputado sinalou que “a celebración do Criterium Aeronáutico aquí en Lugo é un exemplo de como a nosa provincia aposta polo futuro, polas novas tecnoloxías e pola divulgación científica. Non é só un espectáculo para os amantes da aviación, senón que tamén é unha oportunidade única para que a xente de todas as idades, especialmente os máis novos, poidan achegarse a este mundo, descubrir novas vocacións e soñar con novos horizontes”.