Luis Álvarez-Sestelo, novo director executivo de Optare Solutions

luns, 20 de maio do 2019 Fernando Sarasketa

Luis Álvarez-Sestelo é o novo director executivo (CEO) da consultora galega Optare Solutions, radicada no Parque Tecnolóxico e Loxístico de Vigo e especializada en achegar recursos avanzados ao sector das telecomunicacións dende 2002. O nomeamento forma parte dun proceso de reestruturación no seo da firma, unha viraxe que tamén inclúe a creación do Grupo Optare, que englobará a Optare Solutions EMEA, Optare Solutions LATAM e Optare Ventures, a vertente de investimento do grupo. O reto principal da nova andaina da compañía é continuar co espallamento das empresas de seu en Europa, Oriente Medio e Latinoamérica.
Luis Álvarez-Sestelo de 44 anos, é socio fundador de Optare, ademais de presidente de Ineo, asociación de empresas TIC de Galicia, conselleiro de varias compañías do sector e participante activo no ecosistema de emprendemento e de investimento galego. Antes de asumir o liderado de Optare, desenvolveu labores de dirección en operadores como Comunitel, centros tecnolóxicos como Gradiant ou consultoras como Coremain.
Sestelo continuará coa estratexia de crecemento en valor das compañías do grupo, pondo á súa disposición a súa experiencia en xestión, reestruturación e procesos de M&A (fusións e adquisicións polas súas siglas en inglés), e contará para iso co apoio de Luis Alves, tamén socio do grupo e director xeral de Optare Solutions EMEA, José Manuel Suárez Gago, director xeral de Optare Solutions LATAM, e o equipo de profesionais e expertos no sector das telecomunicacións que conforman o grupo Optare.
Segundo nos conta o novo director executivo (CEO) da compañía, “incorpórome con moita ilusión a un proxecto que axudei a crear cunha estratexia baseada sobre todo na captación e retención de talento e na innovación”. A este respecto, Álvarez-Sestelo engade que “é necesario dispor do nivel de profesionais que temos en Optare, que xuntan á súa formación técnica, obtida principalmente nas universidades galegas, algo que só se pode obter mediante a participación en proxectos de alto nivel: a experiencia”. E engade: “A nova organización permitiranos afrontar coa calidade que vai no noso ADN o medre dos vindeiros anos, mellorando as posibilidades de crecemento horizontal e vertical para os nosos empregados, e os resultados para os nosos accionistas”.

PUBLICIDADE