Luis López e Javier Olleros protagonizan o primeiro episodio do podcast Minutos Extra
mércores, 6 de maio do 2026
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, e o chef do restaurante Culler de Pau, no Grove, protagonizan o primeiro episodio do podcast Minutos Extra, un novo espazo promovido pola administración provincial para a conversa cos rostros extraordinarios da provincia.
Nesta primeira entrega, López e Olleros comparten tanto confesións persoais como as súas propias impresións sobre a realidade e o futuro das Rías Baixas que para ambos os dous pasa por implicar dentro da marca aos 61 concellos da provincia e visibilizar o interior.
Segundo indicou o presidente provincial, o podcast está chamado a “ser un espazo de reflexión con figuras extraordinarias que nos fan ser unha provincia extraordinaria” en distintos eidos como o turismo, a gastronomía, a cultura, o deporte ou a sustentabilidade, co obxectivo de analizar en clave persoal e distendida os retos de presente e de futuro da provincia.
Asi, o título do proxecto fai referencia non só as cualidades extraordinarios dos convidados, senón á necesidade de dedicar un tempo adicional, uns minutos extra, á maneira do tempo engadido do deporte, para pensar pausadamente sobre o rumbo do noso territorio, engadiu.
Javier Olleros é o responsable do restaurante Culler de Pau, un establecemento hostaleiro aberto no ano 2009 na localidade de Reboredo, no Concello do Grove. O restaurante foi distinguido con dúas estrelas Michelin, tres soles Repsol e unha exitosa traxectoria no eido da gastronomía ligada á sustentabilidade e o territorio.
Na charla, gravada no Pazo provincial, López e Olleros reflexionaron sobre o éxito turístico das Rías Baixas, as posibilidades infinitas que ofrece a combinación dos produtos xenuínos do mar e da terra para facer da gastronomía galega unha referencia global e, tamén, sobre a necesidade de apostar polo emprendemento no rural.
O podcast xa está dispoñible para a súa visualización na plataforma DepoPlay da Deputación. Ademais, poderase acceder ao primeiro episodio de Minutos Extra a no resto de plataformas (canles de redes sociais, Youtube, Spotify e Ivoox) a partir do vindeiro luns 11 de maio.<
