Luz verde no Parlamento á iniciativa popular Xabarín

martes, 11 de maio do 2021 S. P.

Noa Díaz mostrando o apoio firme do seu grupo á iniciativa

Este 11 de maio consolidouse no Parlamento un importante apoio para a iniciativa Xabarín, impulsada pola Mesa pola Normalización Lingüística para solicitar ao Goberno galego a creación “dunha programación atractiva, actual, educativa e de produción galega dirixida ao público infantil e xuvenil e dispoñíbel en todas as plataformas dixitais” (e tamén “para impulsar unha aplicación móbil actualizada para todos os dispositivos, que conte ademais con programas e xogos”). En concreto, aos apoios á iniciativa do PSdG e máis do Bloque Nacionalista Galego (BNG), sumouse tamén o do PP.
Respecto do apoio socialista, foi debullado nos seus detalles pola voceira de Cultura do Grupo Socialista, Noa Díaz, que instou, nunha proposta conxunta de PSdeG e BNG, á Xunta e á CRTVG para que impulsen a canle Xabarín de televisión infantil e xuvenil en galego. Díaz defendeu que a nova canle sexa unha “oportunidade” de que a nosa infancia e mocidade “socialicen en galego”, o que supón “abrirlles todo un abano de posibilidades de goce e diversión na nosa lingua nun momento como o actual no que as pantallas se teñen convertido case nos novos xoguetes das e dos máis pequenos”. E engadiu: “Con esta proposición que asumimos, as nenas e nenos, e os non tan novos, terán a oportunidade de medrar no seu idioma”.

Mercedes Queixás na súa intervención

O BNG, pola súa banda, saudou a adhesión do Partido Popular á proposta: “Benvido o PP a este acordo a prol da lingua; na confianza de ser este o primeiro acordo político que traballe para sermos protagonistas dun cambio de rumbo de esperanza para a nosa lingua”. Así felicitou a portavoz nacionalista de Cultura e Lingua, Mercedes Queixas, o acordo unánime acadado no Parlamento galego que, segundo fixo saber, dá luz verde á iniciativa popular Xabarín impulsada pola Mesa da Normalización Lingüística.
A iniciativa tamén insta ao Executivo galego a chegar a acordos con outras Administracións e empresas para que toda a programación televisiva, incluída a da CRTVE, e das plataformas dixitais dispoñan de versión en galego, orixinal, dobrada ou lexendada.
Para Queixas, o apoio unánime do Parlamento galego a esta iniciativa implica “comprometerse coa mudanza da situación actual do galego” e “eliminar límites a un presente de reparación de exposición e usos nun espazo que, cada vez máis, ocupa unha maior centralidade no lecer da mocidade”.

PUBLICIDADE