Lytro presenta a súa nova cámara fotográfica con reenfoque e sensor de 40 Megaraios

martes, 22 de abril do 2014 Marcus Fernández

As cámaras Lytro achegaron a innovación de poder enfocar as imaxes despois de captalas, pero este tipo de dispositivos non parecían querer ir máis aló dunha anécdota, e as súas funcionalidades foron emuladas por software en aplicacións de Nokia e Google, o que non desanimou á compañía para continuar a mellorar a súa tecnoloxía, ofrecéndoa agora nunha cámara máis convencional, a Lytro Illum, que vén de abrir o seu proceso de reserva a un prezo bastante prohibitivo: 1.499 dólares.
Aínda que o prezo desta cámara parece un tanto esaxerado, cómpre lembrar que a primeira Lytro, que practicamente era un xoguete sen apenas controis e cunha resolución de 11 Megairaios, xa custaba 399 dólares, polo que algúns poderán considerar que a exclusividade e a experiencia que achega a ILLUM e o seu sensor de 40 Megaraios poida compensar o seu elevado prezo.
A cámara non só mellorou en resolución, senón que agora tamén incorpora un obxectivo de 30-250 mm cunha apertura de f/2.0 e un macro 1:3 e unha xenerosa pantalla táctil de 4 polgadas para ter un bo control. Amais, os que reserven esta orixinal cámara de Lytro poderán participar nunha competición fotográfica exclusiva na que porán a proba a tecnoloxía de Lytro nas súas composicións e optarán a facerse con algunha das viaxes fotográficas (acompañadas de certa dotación económica para gastos) que determinarán os patrocinadores da competición.


Vídeo promocional da cámara Lytro Illum

PUBLICIDADE