MAVEN comeza a achegar xa versións plenamente funcionais

xoves, 4 de setembro do 2014 Redacción

O proxecto europeo MAVEN para a verificación da autenticidade de contidos multimedia, un proxecto liderado polo centro galego Gradiant, está a achegar xa os seus primeiros froitos palpábeis e visíbeis. De feito, en palabras do centro tecnolóxico, xa foi quen de superar “o seu primeiro fito de desenvolvemento”. Para comezar, sinalar que xa rematou a primeira fase de traballo ao abeiro de MAVEN, dándose forma ás primeiras versións “plenamente funcionais” das ferramentas que integrarán en datas vindeiras a suite MAVEN de xestión e verificación de autoría dixital. Segundo informa Gradiant, as ferramentas están a ser probadas a nivel interno “con resultados moi prometedores”.
Cómpre informar tamén que a próxima semana os responsábeis da iniciativa viaxarán a Bruxelas para dar a coñecer os resultados acadados e seren obxecto dunha primeira avaliación por parte da Comisión Europea.
MAVEN é unha iniciativa de colaboración impulsada por sete socios europeos (entre os que se atopa Gradiant) que foi seleccionada pola Comisión Europea como un dos proxectos financiados dentro do programa Investigación para o beneficio das PEME, dentro do Sétimo Programa Marco. O obxectivo do programa é pór en marcha investigacións aplicadas ás necesidades das pequenas e medianas empresas coa intención de que produzan beneficios a curto prazo. Máis polo miúdo, do que se trata é de desenvolver un paquete de ferramentas listas para o mercado, eficientes e robustas, que permitan a xestión e a verificación da autenticidade de contidos multimedia. O proxecto comezou oficialmente o día 1 de outubro de 2013, e estenderase durante dous anos, até o 30 de setembro de 2015. Segundo nos contaron en 2013 fontes de Gradiant, a iniciativa ten o seu xermolo nunha necesidade ben definida: a necesidade no mercado de prover á industria de solucións tecnolóxicas avanzadas, que sexan quen de operar nun rango amplo de escenarios reais (circuítos pechados de TV, imaxes web, broadcast, etcétera). Os resultados deste proxecto permitirán ás PEME, corpos de seguridade, axencias, compañías de seguros e medios de comunicación (entre outras empresas) xestionar os seus activos multimedia e verificar a súa integridade e autenticidade. Todo de forma adaptábel e eficiente.

PUBLICIDADE