MSI presenta o primeiro portátil cunha gráfica preparada para a realidade virtual

luns, 4 de abril do 2016 Marcus Fernández

Co lanzamento do sistema de realidade virtual Oculus Rift quedaba claro que moi poucos ordenadores actuais tiñan potencia dabondo para tirar proveito de tal tecnoloxía e, de feito, ningún dos equipos de Apple cumprirían coas especificacións mínimas para correr a realidade virtual de xeito solvente, polo que é toda unha sorpresa comprobar que mentres os equipos certificados como Oculus Ready son todos ordenadores de sobremesa cun prezo mínimo de 949 dólares, MSI foi quen de equipar a un dos seus portátiles cun hardware capaz de operar coa realidade virtual.
O MSI WT72 sería o primeiro portátil equipado cunha gráfica portátil nVIDIA VR Ready, concretamente unha Quadro M5500. Para acompañar a esta gráfica o equipo poderá configurarse con procesador Xeon ou Intel Core i7 de sexta xeración e até 64 GB de memoria DDR4, converténdose nun equipo moi atractivo para profesionais e para os xogadores máis esixentes que poidan permitirse o prezo destes equipos (que superan 5.000 dólares).
Con este tipo de equipos a realidade virtual poderá desprenderse do escritorio, facilitando a súa portabilidade para o seu goce e tamén para a creación de contidos, de xeito que podemos ver os portátiles WT72 como excelentes ferramentas para contribuír á emerxencia da realidade virtual.

Táboa con configuracións do MSI WT72 que van dun prezo de 5.499 dólares até 6.899 dólares

PUBLICIDADE