MacBook Neo, o portátil máis asequible da historia de Apple

mércores, 4 de marzo do 2026 Redacción

Apple anunciou o lanzamento do MacBook Neo, un novo portátil deseñado para achegar o ecosistema Mac a un público máis amplo grazas a un prezo inicial de 699 euros (599 euros para o sector educativo). O equipo combina un chasis de aluminio, pantalla Liquid Retina de 13 polgadas, procesador A18 Pro e unha autonomía de ata 16 horas.
O novo portátil presenta un chasis de aluminio (rosa nube, índigo, prata e cítrico) con esquinas redondeadas e un peso de 1,23 quilogramos, pensado para facilitar o seu transporte. Integra unha pantalla Liquid Retina de 13 polgadas cunha resolución de 2.408 x 1.506 píxeles, brillo de 500 nits e un tratamento contra os reflexos para facilitar o uso en diferentes condicións de iluminación.
No interior do MacBook Neo atópase o chip A18 Pro, pensado para tarefas cotiás como navegación web, edición de documentos, reprodución de contidos en streaming ou edición fotográfica. Lembremos que este procesador é o que emprega o iPhone 16 Pro e Pro Max, polo que estamos ante un equipo que está bastante por debaixo dos MacBook Air actuais, aínda que Apple asegura que o equipo pode ser ata un 50 % máis rápido en tarefas habituais que o portátil PC máis vendido con procesador Intel Core Ultra 5. Tamén aseguran que ofrece ata tres veces máis velocidade en procesos de intelixencia artificial no propio dispositivo e ata o dobre de rendemento en tarefas como a edición de imaxes.
O chip integra unha GPU de cinco núcleos e un Neural Engine de 16 núcleos destinado a acelerar funcións de Apple Intelligence, como o resumo automático de textos ou ferramentas de edición de fotos. O portátil carece de ventilador, polo que o seu funcionamento é totalmente silencioso.
Un dos puntos fortes do MacBook Neo é a súa eficiencia enerxética, podendo acadar ata 16 horas de autonomía, o que é dabondo para xornadas completas de traballo ou estudo.
O equipo incorpora o Magic Keyboard de Apple e un amplo trackpad Multi-Touch compatible con xestos. Tamén existe unha versión con Touch ID para a autenticación do usuarios e a realización de pagamentos mediante Apple Pay.
O portátil conta cunha cámara FaceTime HD de 1080p, dous micrófonos con tecnoloxía beamforming para reducir o ruído ambiental e dous altofalantes laterais con compatibilidade con audio espacial e Dolby Atmos.
O MacBook Neo integra dous portos USB-C que permiten cargar o equipo ou conectar accesorios e monitores externos, ademais dunha toma para auriculares. A conectividade sen fíos baséase en Wi-Fi 6E e Bluetooth 6.
O sistema operativo macOS Tahoe inclúe aplicacións integradas como Safari, Fotos, Mensaxes e FaceTime, ademais das novas funcións de Apple Intelligence. O dispositivo tamén ofrece integración co iPhone mediante as ferramentas de Continuity, que permiten continuar tarefas entre dispositivos ou compartir contido a través do portapapeis universal.
Entre os puntos negativos deste equipo (máis aló do reducido tamaño da súa pantalla) estaría o feito de que só está equipado con 8 GB de memoria unificada, a ausencia de retroiluminación no teclado, o tipo de trackpad (non háptico), que un dos seus portos USB-C é USB 2.0 (polo que sería máis lento e non contaría con saída de vídeo) e o feito de venderse sen adaptador de corrente.
O MacBook Neo está xa dispoñible en reserva estando previsto que as primeiras unidades comecen a chegar aos clientes e ás tendas o 11 de marzo. Ten un prezo de 699 euros na súa versión con 256 GB de almacenamento (que para estudantes e centros educativos quedaría en 599 euros), mentres que o prezo da versión con 512 GB de almacenamento e Touch ID no teclado sobe ata os 799 euros.

Vídeo promocional do MacBook Neo