Magic Leap revolucionará o xeito de gozar da NBA

mércores, 14 de febreiro do 2018 Marcus Fernández

Dende Magic Leap van dando detalles do que será a súa revolucionaria proposta de realidade mixta, e aínda que faltan meses para a súa chegada ao público, son conscientes de que a tecnoloxía sen contidos non serve de nada, de aí que anuncien que queren transformar o xeito de consumir contidos audiovisuais, que deixarían de ser planos para ser tridimensionais, comezando por retransmisións deportivas, para o que pecharon un acordo coa NBA e Turner para desenvolver unha aplicación da NBA para Magic Leap One.
Grazas a esta colaboración os seareiros do baloncesto poderán gozar de múltiples pantallas virtuais no seu campo de visión, que poderán presentarse en calquera tamaño e posición, así como combinarse con estatísticas, repeticións e comentarios, sen perder a acción do xogo, conformado unha experiencia nunca vista.
Esta será simplemente unha das moitas posibilidades desta tecnoloxía que poderá aplicarse a outros deportes e a moitos outros usos, sendo posiblemente o seu principal atranco para introducirse no mercado o seu prezo, que segundo pode desprenderse de declaracións do fundador de Magic Leap, Rony Abovitz, estaría por enriba do milleiro de dólares.

PUBLICIDADE