Magikarp protagoniza un novo xogo móbil de Pokémon

xoves, 25 de maio do 2017 Marcus Fernández

Aínda que ao falar de xogos de Pokémon e móbiles temos asociada a idea de que o único xogo dispoñible é Pokémon Go, o certo é que The Pokémon Company ten varios mini-xogos nas tendas de aplicacións baixo a fórmula do free-to-play, ou sexa, que podemos descargalos de balde e integran compras, sendo o último título en chegar Pokémon: Magikarp Jump, dispoñible de balde para Android e para iOS.
Este xogo colle a un dos Pokémon máis patéticos da historia, Magikarp, e propón que xoguemos a alimentar e adestrar a estas criaturas para enfrontalas en campionatos de salto.
Pokémon: Magikarp Jump permítenos criar varias xeracións de Magikarp, premendo sobre a comida que figure en pantalla para alimentalos e facéndoos adestrar para que gañen impulso para así poder progresar en competicións de salto de altura.
Nesta tarefa tamén poden botar unha axuda outros Pokémon como Pikachu e Piplup, e para animar a todo este proceso contaremos con tendas de obxectos e elementos do xogo, que é no que se basea a súa economía, facilitándonos así tanto unha maior personalización estética e favorecer o desenvolvemento do Magikarp.
Un xogo tan sinxelo como ridículo, que agradecerán especialmente os seareiros da franquía.

PUBLICIDADE