Maiores de Boqueixón participan nun curso gratuíto para aprender a utilizar as novas tecnoloxías

venres, 26 de abril do 2024 S. P.

Un total de 17 veciños e veciñas de Boqueixón participaron nas primeiras sesións do curso gratuíto Uso das novas tecnoloxías na vida diaria, organizado polo Concello de Boqueixón en colaboración coa Fundación Amigos de Galicia.
O curso foi inaugurado polo concelleiro de Facenda e Servizos Xerais, José Manuel Iglesias Gómez, e a concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Ángela Conde Leis, quen destacaron que se trata dunha actividade “para promover o envellecemento activo mediante a unha actividade que facilita a socialización e dixitalización dos nosos maiores”.
Nestas sesións, os maiores de Boqueixón aprenden a manexar os seus teléfonos móbiles para realizar xestións a través de Internet como solicitar unha cita médica a través da aplicación móbil do SERGAS, pedir quenda no Concello ou Centro de saúde, sacar diñeiro no caixeiro, actualizar a súa cartilla ou manexar os seus teléfonos móbiles.
Son, en palabras dos concelleiros, “uns obradoiros prácticos e sinxelos que teñen como obxectivo favorecer a independencia dixital das persoas maiores de Boqueixón, para que así poidan levar a cabo as súas tarefas diarias de maneira autónoma”.
As clases teñen lugar na Biblioteca Municipal de Boqueixón, en horario de mañá, e as próximas sesións terán lugar os mércores 8 e 15 de maio.