Máis da metade das empresas da Coruña solicitaron as axudas do Kit Dixital

luns, 1 de agosto do 2022 S. P.

Máis do 53% das pemes da provincia da Coruña solicitaron xa o Kit Dixital. Así o fixo saber a semana pasada a subdelegada do Goberno na provincia María Rivas, que animou ás empresas a tirar proveito desta iniciativa, cuxo prazo (na primeira convcocatoria, dirixida a empresas de entre 10 e 49 persoas empregadas), está aberto ata o 15 de setembro. Estas firmas, sinalou, poden acceder a bonos por importe de 12.000 euros para financiar a creación dun comercio electrónico, a xestión de redes sociais, a implantación de ferramentas para optimizar o negocio ou a contratación de servizos de ciberseguridade, entre outros recursos e servizos.
Rivas engadiu que Red.es abrirá nos vindeiros días a convocatoria para micropemes de 3 a 9 persoas traballadoras, que terán un bono de 6.000 euros para dixitalizarse. A subdelegada valorou que se trata dunha “gran oportunidade para que o tecido empresarial coruñés gañe en competitividade, modernizando e actualizando as súas empresas con solucións dixitais”
A subdelegada tamén salientou “o impacto positivo” da primeira convocatoria do programa Kit Dixital na provincia. Rivas celebrou que desde marzo xa se recibiron 1.409 solicitudes de empresas para esta axuda do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, o que supón un 53,4% das empresas da provincia que poden acollerse a esta convocatoria. Así o explicou durante un encontro coa presidenta e outras representantes da Asociación de Empresarias da Coruña (AECO), ás que a que animou a aproveitar estas axudas que xestiona Red.es.
"É unha gran oportunidade para que o tecido empresarial coruñés gañe en competitividade, modernizando e actualizando as súas empresas con solucións dixitais", manifestou a subdelegada cando se cumpren catro meses da apertura desta primeira convocatoria, que está dirixida a pequenas empresas de entre 10 e 49 traballadores.
Kit Dixital é unha iniciativa do Goberno de España, que ten como obxectivo subvencionar a implantación de solucións dixitais dispoñíbeis no mercado para conseguir “un avance significativo no nivel de madurez dixital”, e contribuír así a modernizar o tecido produtivo español. Este programa está financiado pola Unión Europea a través os fondos Next Generation, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e *Resiliencia.
As solucións dixitais que proporciona o Kit Dixital están orientadas ás necesidades das pequenas empresas, microempresas e persoas autónomas que pertenzan a calquera sector ou tipoloxía de negocio. Estas solucións son ofrecidas por axentes dixitalizadores adheridos ao programa. Na web www.acelerapyme.es pódese consultar o catálogo de axentes, que actualmente conta con máis de 8.000 entidades e que está en permanente actualización.

PUBLICIDADE