Máis da metade dos mozos nados en 2005 na Coruña solicitaron xa o Bono Cultural do Goberno

martes, 12 de setembro do 2023 S. P.

Un total de 5.397 mozos e mozas da provincia da Coruña estanse a beneficiar do Bono Cultural de 400 euros. Así o fixo saber este martes 12 de setembro a subdelegada do Goberno na provincia, María Rivas, quen salientou que se trata dun bono do Ministerio de Cultura e Deporte “para todas e todos os que este ano cumpren 18 anos” e no cal lévase investido estes meses un total de 2.158.800 euros (dos case 4M de euros que están dispoñíbeis).
A subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, lembrou tamén que hai un total de 9.571 persoas na provincia nadas no 2005, polo que aínda hai 4.174 mozos e mozas que aínda están a tempo de solicitalo ata o vindeiro 30 de setembro, en bonoculturajoven.gob.es, onde atoparán tamén as entidades e empresas onde poden empregar o bono tanto de xeito físico como online.
No que vai de ano fixéronse xa 21.414 compras por valor de 817.917,40 euros.
Sobre o bono cultural
A partir da concesión da axuda, as persoas beneficiarias dispoñen dun ano para utilizar os 400 euros en produtos ou servizos culturais nos establecementos adheridos, que xa superan os 3.000 en toda España. O Bono Cultural funciona cunha tarxeta prepago que as persoas beneficiarias poden ter en formato virtual no seu dispositivo móbil ou en formato físico que recibirá no seu domicilio.
Con esa tarxeta pode gozar de experiencias e produtos culturais, que se dividen en tres tramos para favorecer a diversificación entre os distintos sectores culturais, coa seguinte distribución:
- 100 euros para produtos físicos, por exemplo, libros, prensa ou discos.
-100 euros para produtos dixitais: prensa dixital, podcast, videoxogos en liña.
- 200 euros para artes escénicas: teatro, ópera, cinema, danza, museos.

PUBLICIDADE