Máis de 10.000 empresas acadaron web a través do Programa NEW

luns, 17 de decembro do 2007 Raquel Noya

Até un total de 10.430 empresarios españois veñen de acadar a súa propia páxina web nos últimos tres meses a través do Programa New (Ningunha Empresa sen Web) posto en marcha polo Ministerio de Industria e que contou coa colaboración das Comunidades Autónomas así como de oito empresas do sector TIC.
O devandito programa forma parte do Plan Avanza para fomentar a presenza en Internet das pequenas e medianas empresas españolas e está dirixido a todas aquelas firmas con menos de 250 empregados así como a tódolos empresarios autónomos que devezan por ocupar un espazo na Rede de Redes.
Segundo datos do Instituto Nacional de Estatística e do Eurostat, tan só o 50 por cento das empresas españolas de máis de dez empregados dispoñen de páxina web, sobre o total de empresas con conexión a Internet.
Logo de comprobar que existe un interese por parte das pemes por ter presenza en Internet, o Programa NEW vaise prorrogar até o 29 de febreiro do vindeiro ano. Os interesados poderán seguir informándose a través do teléfono 900 22 33 22 e a través da web do programa, www.programa-new.es.
As oito empresas colaboradoras que participan neste proxecto (Nominalia, Recol e Telefónica a nivel nacional e Hostinet, Cosmomedia, Gravitynet, Instituto de Innovación Empresarial e eComunica a nivel autonómico) ofrecen, entre outras cousas, un paquete de servizos que inclúe aloxamento, un nome de dominio “.es”, contas de correo electrónico e un panel de control multilíngüe.
Todas elas foron elixidas por concurso público e grazas ás ofertas que teñen presentado, máis de 10.000 empresas poden gozar xa da súa propia páxina web en condicións óptimas.

PUBLICIDADE