Máis de 13 mil persoas visitaron o Pavillón de España no MWC25

xoves, 6 de marzo do 2025 Redacción

O Pavillón de España na edición deste ano do Mobile World Congress superou as súas expectativas de asistencia cun 30 % máis de afluencia respecto da edición de 2024. Máis de 13.000 persoas pasaron durante as catro xornadas do evento por este espazo, concibido como un punto de encontro para o debate e a presentación de innovacións por parte das 50 empresas coexpositoras, institucións e expertos do sector tecnolóxico.
Aos visitantes presenciais ao Pavillón de España sumáronse 5.000 visitantes que accederon de maneira virtual á axenda de actividades retransmitida no set de presentacións, ben a través da páxina web do Pavillón ou pola canle oficial de Red.es en YouTube, consolidando o seguimento vía streaming deste evento, que este ano rexistrou 3.000 reproducións en retransmisións en streaming. En canto á cobertura en redes sociais, rexistráronse máis de 700.000 impactos netos a través do cancelo #SpainMWC25.

Impulso á xeración de negocio para as empresas coexpositoras

As 50 pemes coexpositoras, 5 máis que na pasada edición, puideron gozar dun servizo chave en man concibido para incrementar as súas oportunidades de negocio e aumentar a súa visibilidade, dispoñendo non só dun expositor personalizado para amosar os seus produtos e servizos, senón tamén de acceso a unha área de networking e salas de reunións, presenza en contidos promocionais, ademais de participar no programa de conferencias e nas diferentes visitas.
Neste contexto, as empresas calculan que a súa presenza no Pavillón de España lles permitirá xerar negocio por valor de 26,5 millóns de euros, unha cifra que duplica os datos colleitados na edición anterior, cando se estimou unha cifra de negocio de 12,4 millóns de euros. En total, participaron en preto de 2.150 reunións, con preto de 4.500 contactos profesionais, cando en 2024 se celebraron 1.500 reunións e se estableceron 2.000 contactos.

Premio Pavillón de España

Red.es entregou por primeira vez o Premio Pavillón de España, un galardón que terá continuidade nas vindeiras edicións, estando vinculado ao Pavillón de España no MWC e que cada ano porá o foco en valores que contribúan a impulsar o posicionamento de España como motor da innovación e da transformación dixital.
Na primeira edición, que recoñeceu a contribución ao valor público, a empresa galardoada foi Spika Tech, especializada na creación de solucións de software innovadoras, investigación en algoritmos e mellora da usabilidade e accesibilidade. As dúas empresas finalistas foron Libelium, que desenvolve solucións intelixentes para impulsar a sustentabilidade, a produtividade e a datocratización, e a galega Situm, que ofrece unha solución de guiado en interiores que combina posicionamento preciso, navegación paso a paso e mapas 3D interactivos.
A entrega do premio, a cargo do ministro para a Transformación Dixital e da Función Pública, tivo lugar no cóctel oficial do Pavillón de España, que contou con preto de 600 asistentes.

Un Pavillón de 1.200 metros cadrados

Este ano o Pavillón organizado por Red.es contou con 1.197,5 m², máis de 250 m² máis que a edición anterior, distribuídos en dúas alturas. Un crecemento en superficie que permitiu reforzar as actividades de networking e a oferta de contidos para as 50 empresas coexpositoras. Todo arroupado por un sistema de pantallas e tótems informativos, composto por 116 m² de pantallas LED, a maior superficie ata o momento.
En total celebráronse 71 actividades no escenario de conferencias, con relatores procedentes de diferentes sectores de especialización do mundo dixital e tecnolóxico, incluíndo máis de 50 paneis, 7 mesas redondas, 11 sesións con delegacións internacionais e 2 sectoriais, ademais de 60 entrevistas no podcast do Pavillón e distintas actividades de networking.
A isto súmanse as dinámicas de networking internacional celebradas no marco do Pavillón, coa recepción de 11 delegacións internacionais procedentes do Xapón, Reino Unido, Finlandia, Hong Kong, Washington, Brasil, Malaisia, Grecia, Italia ou Colombia. Así como os rutas temáticas sobre Intelixencia Artificial ou Big Data, nos que os participantes puideron coñecer de primeira man as propostas de valor das empresas coexpositoras.
En total, preto de 680 profesionais participaron en reunións informais na área de networking.

IA e animación avanzada

Como novidade, esta edición contou con Redy, a mascota virtual do Pavillón. Un asistente intelixente 3D creado con animación avanzada, intelixencia artificial e proxección holográfica. Este robot, mascota do Pavillón, é unha proxección de 1,80 metros de diámetro que logrou ofrecer unha experiencia interactiva personalizada aos asistentes, realizando 1.200 interaccións en tempo real con visitantes, respondendo ás súas preguntas sobre temas do seu interese, desde conferencias específicas ata detalles sobre as 50 empresas coexpositoras, ademais de ofrecerlles recomendacións axustadas ás súas necesidades e suxestións sobre relatorios, empresas e outros asistentes afíns.
Ademais, a través do sistema de monitorización con IA, conclúese que a emoción predominante no Pavillón de España foi o optimismo.

Así foi o Pavillón de España no MWC25