Máis de 130 proxectos innovadores petan na porta da aceleradora de Estrella Galicia

martes, 18 de setembro do 2018 Fernando Sarasketa

Os nosos proxectos tecnolóxicos contan cun novo espazo onde coller impulso. Estamos a falar da palestra de emprendemento innovador de Estrella Galicia, The Hop, unha iniciativa de aceleración onde a Intelixencia Artificial, a información a gran escala (Big Data), a Internet das Cousas (IoT), a robótica, as apps e os bots constitúen o alicerce de boa parte dos proxectos presentados: un total de 130 propostas de innovación achegadas por 420 emprendedoras e emprendedores. O programa forma parte do Plan de Transformación Dixital da cervexeira galega e a súa metodoloxía principal é a de fomentar a colaboración. As startups acelerábeis teñen orixe na nosa terra pero tamén no resto do territorio estatal, en Brasil, no Reino Unido e na contorna europea por enteiro.
The Hop, como lembraremos, presentouse o pasado 31 de maio, buscando recoñecer un espírito innovador e emprendedor que tamén posibilitou, no pasado, a posta en marcha da cervexeira galega. A idea, en palabras de Estrella Galicia, foi achegar “unha panca de desenvolvemento para outras empresas emerxentes co obxectivo de medrar xuntas e avanzar nos seus respectivos proxectos”. A empresa de bebidas incorporará, por unha banda, a innovación tecnolóxica destes emprendedores nas principais áreas da súa cadea de valor (aprovisionamento, fabricación, loxística, xestión, mercadotecnia e comercialización) e, en troques, os equipos cuxo proxecto fose elixido para os Premios The Hop recibirán recursos para seguir formándose e impulsar definitivamente as súas metas.
A xeito de curiosidade, a empresa galega lembra que o nome “hop” ten dous significados en inglés cuxa confluencia e interacción resume á perfección a natureza do programa: “lúpulo” e máis “chimpo”.
A primeira convocatoria de recepción de candidaturas pechouse hai uns días con 130 proxectos presentados: os integrantes da Comunidade de Hoppers. Segundo sinala Ignacio Rivera, director executivo da compañía, “estamos moi satisfeitos coa acollida que tiveron os Premios The Hop, xa que son un indicativo da boa saúde da que gozan aquí as startups e as ideas tecnolóxicas aplicábeis ao sector cervexeiro. Nós aínda mantemos a cultura do emprendemento e o espírito craft despois de 112 anos e vemos que é hora de apostar por novos talentos, axudarlles a desenvolver con éxito os seus proxectos de innovación e aprender deles”.
En The Hop, o perfil dos inscritos correspóndese ao dunha firma nova e innovadora, con dous empregados de media, que conta cun prototipo desenvolvido ou produto mínimo viábel. Os proxectos presentados buscan resolver problemas nas áreas de comercialización e mercadotecnia (61%) seguido da área de xestión (11%), loxística e aprovisionamento (9%) e, por último, fabricación (7%). O 12% restante das participacións encádrase noutro tipo de proxectos. A maioría dos traballos están baseados en tecnoloxías de análise, xestión e aproveitamento da información.
The Hop dará en datas vindeiras un novo paso adiante, coa selección de 18 proxectos finalistas. O 2 de outubro, nun evento a celebrar en Santiago de Compostela, os responsábeis das iniciativas elixidas defenderán as súas ideas nun Pitch Day perante un xurado profesional que decidirá ao final da xornada os gañadores do certame. A media ducia de startups elixidas vivirán a partir de entón “unha apaixonante experiencia” en palabras de Estrella Galicia, que explica que as empresas impulsaranse dacabalo entre Madrid e A Coruña, “mergullándose de cheo na identidade corporativa e cultural de Estrella Galicia, ademais de acceder a unha formación experiencial e á aceleración dos seus proxectos dentro do ecosistema da compañía”.

PUBLICIDADE