Máis de 150.000 documentos e imaxes históricas de Pontevedra, accesíbeis no portal AtoPO
xoves, 20 de outubro do 2022
A
Deputación
e o Concello de Pontevedra puxeron a disposición da cidadanía máis
de 150.000 documentos e históricos da cidade do Lérez e da súa
contorna, sistematizadas e accesíbeis ao público grazas ao
portal AtoPO da entidade
provincial.
Deste
xeito, calquera persoa interesada poderá acceder ao buscador
provincial e consultar as referencias de actas plenarias, documentos
administrativos e tamén audiovisuais dende 1834 ata 2004 que lle
interesen, “sempre cumprindo coa normativa de protección de datos
vixente”, informaron as dúas institucións.
Este
traballo foi posíbel tamén grazas á ferramenta ATOM da Deputación,
que utiliza a entidade para sistematizar o patrimonio documental. A
ferramenta empregouse xa con documentos de 137 entidades na
provincia, evitándolles o gasto de adquirir o sistema e, ademais,
permitindo que os seus fondos dixitalizados poidan ser subidos ao
AtoPO e formar parte da guía de patrimonio documental da provincia.
Nestes
momentos o organismo provincial manexa no seu Arquivo 2,2 millóns de
referencias de toda a provincia agás de Vigo, tendo unha parte
pública e outra restrinxida, unha dixitalizada e outra só
referenciada.
O
Concello de Pontevedra a día de hoxe realizou un traballo continuo
dividido en dúas partes: dunha banda, a xestión da documentación
e, doutra banda, a xestión do arquivo audiovisual.
Na
actualidade, ao redor do 75 % dos documentos do Arquivo Municipal
están xa descritos, o que vén sendo un total de máis de 150.000
documentos. “Estes documentos serán e son unha fonte enorme de
consulta. A día de hoxe, 48.000 destes documentos xa están subidos
e 27.000 xa son públicos, xa poden ser consultados na nova
ferramenta informática. Entre esta semana e a que vén contamos con
ofrecer a totalidade dos nomeados”, explicou a concelleira Anabel
Gulías.
A
sistematización dos fondos municipais grazas ao ATOM da Deputación
permitirá a permanencia dixital de fondos físicos que en moitos
casos estaban gardados en caixas. Algúns dos rexistros
correspóndense co propio Concello de Pontevedra, pero hai tamén
moitos outros dos que foron os concellos de Xeve , de Salcedo ou de
Ponte Sampaio e de coleccións privadas como as de TAFISA, a
colección Rafael Vázquez, de Nelson, Isidro Taboada, Paisajes
Españoles S.A. ou a colección documental Fototipia THOMAS CA.
En
paralelo aos fondos documentais tense desenvolvido outra actuación
específica de catalogación e dixitalización de fondos audiovisuais
por parte da Deputción. Están revisadas xa 2.200 (as últimas
iranse publicando en AtoPO nos vindeiros días) que amosan a
evolución da vida política, social e cultural da cidade.
Malia
que tamén se catalogou e dixitalizou unha colección de fotografías
da cidade e os seus arredores procedente de Fototipia Thomas datada
entre 1910 e 1920, a maior parte das fotografías percorren as etapas
comprendidas entre a alcaldía de Calixto González-Posada
(1949-1952) ata a de Javier Cobián Salgado, rematada en 1995.
Durante
todo ese espazo temporal, o fondo contén imaxes de actos que dan
testemuña da actividade política e institucional do Concello e da
cidade: reunións, recepcións na Casa do Concello, visitas de
personalidades políticas da ditadura co gallo das festividades
propias do réxime ou co da inauguracións de infraestruturas
(fábrica de PONTESA, factoría de Celulosas, escolas…),
celebracións relixiosas, viaxes dos representantes locais pola
península ou ó estranxeiro, relacións con outras localidades…
Neste
eido atópanse nas imaxes a destacados persoeiros da vida política
galega e española do século XX: Franco e os seus ministros, Quiroga
Palacios, Fraga Iribarne, Pío Cabanillas, Mario Soares, Fernández
Albor, ou Jordi Pujol, entre outros.