Máis de 170 escolares de toda Galicia competirán na gran final da V Liga Maker Drone

mércores, 6 de maio do 2026 S. P.

O vindeiro venres, 8 de maio, desde as 10.30h, terá lugar no Coliseum da Coruña a gran final da V Liga Maker Drone, impulsada pola Fundación Barrié e o centro tecnolóxico ITG (Instituto Tecnolóxico de Galicia), na que participarán máis de 170 estudantes de segundo curso de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) provenientes de 17 centros de toda Galicia.
Durante a xornada os equipos mostrarán os sistemas dron que desenvolveron para dar resposta ao reto desta edición, centrado en previr accidentes laborais en traballos en altura. A competición desenvolverase nun escenario de 30 metros de ancho e 10 metros de altura que, por primeira vez, contará con elementos móbiles que dificultarán a consecución do reto.
Os equipos competirán en formato torneo con sucesivas roldas eliminatorias e unha final, da que sairá o gañador da competición, que será o que consiga levar a cabo correctamente o desafío no menor tempo. Ademais, haberá premios para outros catro equipos: ao mellor deseño; á solución máis disruptiva; á destreza en voo, e á mellor presentación da solución.
O xurado desta edición está composto por representantes da Axencia Española de Seguridade Aérea (AESA), AENA; do fabricante europeo Airbus Helicopters e de tres entidades que traballan con drons: a empresa Iridium (Grupo ACS), especializada en infraestruturas; Defensa do Monte, o órgano administrativo da Xunta de Galicia; e a oficina de seguridade da Armada. Ademais, o creador de contido Guillermo Carracedo, axudará a avaliar a exposición oral dos equipos. O premio será entregado por Inés Rey, alcaldesa da Coruña, Pilar Romero Vázquez-Gulías, presidenta da Fundación Barrié, e Carlos Calvo Orosa, director xeneral de ITG.