Máis de 170 estudantes xúntanse esta semana no Torneo de Robótica do Campus de Ferrol

martes, 26 de marzo do 2019 Fernando Sarasketa

A robótica crea e reforza vencellos, estimula capacidades e vocacións e fomenta o intercambio de coñecemento entre xente de distinta idade e formación. Por estas e outras razóns, a Escola Universitaria Politécnica (EUP) do Campus de Ferrol vai organizar esta semana, o xoves 28, a segunda edición do seu Torneo de Robótica. A cita dará comezo ás 9.30, cando o director do centro da UDC, Andrés Piñón, reciba aos máis de 170 estudantes de secundaria, bacharelato e FP que participan no certame.
Nesta segunda edición, concorre alumnado do IES Cabo Ortegal, de Cariño; dos IES Eduardo Blanco Amor e Rego da Trabe, de Culleredo; dos IES Ferrol Vello, Sofía Casanova e Catabois, de Ferrol; do IES San Rosendo, de Mondoñedo; do IES Ortigueira, de Ortigueira; do CPI de Atios, de Valdoviño; e mais do CIFP Ferrolterra.
Divididos en 39 equipos, os estudantes terán que superar tres retos: un sigue-liñas con obstáculos, a proba do varreendeiro e unha competición de sumo. No primeiro desafío, o robot terá que seguir unha traxectoria impresa e salvar aqueles atrancos que se interpoñan no seu camiño. Na segunda das probas, os participantes empregarán algoritmos semellantes aos que utilizan as aspiradoras smart ou as máquinas de cortar o céspede para varrer todos os obxectos do taboleiro (acadará a maior puntuación aquel equipo que consiga o obxectivo marcado no menor tempo posíbel). Por último, na competición de sumo, os equipos medirán as súas forzas nun combate no que deben expulsar ao robot contrario do taboleiro de xogo. O robot empregado será un Mbot Ranger.
O xurado estará integrado polo profesorado e alumando da Escola Universitaria Politécnica. A entrega de premios terá lugar no salón de actos do centro ás 13:00 horas. A vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Araceli Torres Miño, será a encargada de pechar a cita.

PUBLICIDADE