Máis de 180 escolares de toda Galicia competirán na gran final da IV Liga Maker Drone na Coruña

martes, 20 de maio do 2025 S. P.

Este xoves 22 de maio desde as 10.30 horas celebrarase no Coliseum da Coruña a Xornada de Exhibición e Gran Final da IV Liga Maker Drone, impulsada pola Fundación Barrié e o centro tecnolóxico ITG, na que participarán máis de 180 estudantes de segundo de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) provenientes de 18 centros escolares de toda Galicia.
Nesta xornada de exhibición os equipos de escolares mostrarán as solucións que desenvolveron durante os últimos seis meses para responder o reto da liga, que consiste en idear, deseñar, construír e programar un sistema instalado sobre un dron co obxectivo de transportar medicinas a contornas rurais ou de difícil acceso.
Os equipos poñerán a proba as súas solucións e competirán en formato torneo con dúas roldas eliminatorias e unha final, da que sairá o equipo gañador da competición, que será o que consiga levar a cabo correctamente o desafío no menor tempo posible. Ademais, haberá premios para outros catro equipos: ao mellor deseño; á solución máis disruptiva; premio á destreza en voo, e un premio á mellor presentación.
O xurado estará formado por representantes da Axencia Galega de Emerxencias, o CHUAC, AESA, Boeing, SENER Aeroespacial, GMV Aerospace and Defence e Telefónica. O premio será entregado por Inés Rey, alcaldesa da Coruña, Pilar Romero Vázquez-Gulías, presidenta da Fundación Barrié, e Carlos Calvo, director xeneral de ITG.