Máis de 200 persoas participaron na segunda xornada TurisTIC

venres, 12 de abril do 2019 Fernando Sarasketa

Esta semana celebrouse en Vigo, no Verbum, a segunda edición da Xornada TurisTIC O Turismo Intelixente. A xuntanza, cuxa primeira entrega desenvolveuse o ano pasado no Castelo de Soutomaior, veu da man, novamente, da Deputación de Pontevedra. Participaron máis de dous centenares de persoas, todas co nexo común do seu interese nas tecnoloxías ao servizo do turismo, nas ferramentas ao servizo da promoción dos destinos, na mercadotecnia para xente viaxeira e no concepto de fidelización, que non é outra cousa que achegar boas experiencias para que quen teña que regresar, regrese.
A xornada incluíu mesas redondas que achegaron diversos e complementarios puntos de vista sobre o devandito. Unha delas foi a mesa A colaboración público-privada dos Destinos Turísticos Intelixentes, na que participaron Carmela Silva, presidenta da Deputación, David Regades, delegado da Zona Franca de Vigo, Fernando Fraile, director xeral do ICTE, e Javier Yagüe, responsábel do Sistema de Xestión TIC no Aeroporto de Vigo. Silva apelou á necesidade de non desenvolver iniciativas turístico-tecnolóxicas sen antes escoitar á sociedade, co fin de “sumar sinerxías e apostar polas TIC no turismo para loitar contra o despoboamento”. A presidenta provincial tamén asegurou que para acadar estes obxectivos é preciso un compromiso da administración pública co sector público e privado: “Precisamos que as administracións se convertan en axentes do cambio, porque desde as institucións públicas xestionamos os recursos das persoas e debemos devolverllos en forma de novas ideas encamiñadas a construír un proxecto común para que a cidadanía teña un futuro de calidade”. Neste eido, Silva salientou o potencial das xornadas TurisTIC como “unha ferramenta para escoitar á xente”, un instrumento que pon de manifesto o interese e a preocupación do sector turístico e a cidadanía da provincia por poñer en marcha novas ideas que “nos fagan máis grandes do que aínda somos”.
Pola súa banda o delegado da Zona Franca de Vigo, David Regades, incidiu na importancia de apostar polas tecnoloxías, pola intelixencia para reter talento nos territorios. Neste eido explicou iniciativas que se están a impulsar desde a Zona Franca para fomentar a cultura das TIC de forma colaborativa como os edificios intelixentes e o 5G. En canto a iniciativas de futuro, Regades amosou a necesidade de impulsar o turismo industrial.
Tamén sobre proxectos de futuro falou Javier Yagüe, que adiantou detalles nos que está a traballar xa o aeroporto para converterse nun Smart Aeroport e enmarcados tamén na iniciativa de edificios intelixentes, no 5G, no recoñecemento facial, na realidade aumentada, no Design Thinking, ou na aposta pola calidade.
Outra das grandes actividades da xornada foi a mesa Exemplos de turismo intelixente en Pontevedra, moderada pola responsábel do programa de asesoramento e cursos de formación TurisTIC Sonia Torres. Ao abeiro desta mesa, o director executivo de Xoia Software Development, Xoel Vázquez, puxo o foco “na importancia que teñen as novas tecnoloxías na mellora da experiencia do turista antes de emprender a viaxe, durante a viaxe e despois da viaxe”. No caso da empresa Namorarte Viaxes Arqueolóxicas, Carmela Pereira asegurou que, “as novas tecnoloxías foron fundamentais para reducir custes e para chegar á xente de fóra de Galicia”. En canto á empresa Piragüilla Ocio e Aventura, Marta Iglesias apuntou que, ademais das novas tecnoloxías, é fundamental que neste tipo de negocios turísticos haxa “un compoñente humano” detrás. No transcurso da sesión, reflexionouse sobre a necesidade “de máis axudas para a comercialización dos produtos”, así como unha “integración de esforzos no sector turístico vencellado ás TIC”.

PUBLICIDADE