Máis de 250 docentes de FP fórmanse para integrar a IA no ensino de inglés

venres, 3 de xaneiro do 2025 S. P.

O Centro Galego da Innovación da FP Eduardo Barreiros, en Ourense, ultimou a formación de máis de 250 profesores dun cento de centros educativos para a incorporación da Intelixencia Artificial como unha ferramenta na aprendizaxe de inglés para todas as familias profesionais da Formación Profesional en Galicia.
Segundo explicou a Consellería de Educación, esta aprendizaxe constitúe a primeira fase da posta en marcha do programa Vetinen (Vocational Training Innovative English), un proxecto educativo pioneiro e innovador impulsado pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP para aplicar as tecnoloxías intelixentes aos ciclos formativos, “o que permite o deseño de recursos didácticos personalizados e a aplicación de metodoloxías innovadoras na aula”, engadiu a Consellería, apuntando que a iniciativa “sitúa o profesorado galego á vangarda na aplicación da IA e as novas tecnoloxías na práctica educativa”.
O proceso de formación arrancou este outono cunha proposta piloto para o ciclo de Xestión de aloxamentos turísticos da familia profesional de Hostalería e Turismo coa previsión de incorporalo ao resto das familias profesionais. Educación engade que “a súa potencialidade radica no uso de ferramentas interactivas en 3D que permite ao profesorado e alumnado desenvolver competencias lingüísticas nun entorno virtual inmersivo no que se recrean situacións prácticas reais”.
No caso da familia profesional de Hostalería e Turismo simúlanse escenarios reais nos que os alumnos poden manter unha interacción fluída con avatares adaptados a situacións habituais con clientes e provedores de servizos. Grazas a esta liña de traballo, recréanse escenas como de novos clientes que chegan ao hotel para realizar o check-in; clientes xa hospedados que requiren servizos ou información concreta, ou persoal de hotel que se atopa ante determinados problemas imprevistos que hai que resolver. “En todos os casos, os alumnos poden, a través da interface en 3D, interactuar co avatar correspondente para abordar cada escena e achegar solucións, sempre en inglés, para garantir a práctica desta competencia lingüística”, informou a Consellería de Educación.