Máis de 3.400 galegos coñeceron as vantaxes da e-Administración o pasado mes

mércores, 21 de decembro do 2011 Raquel Noya

O Ministerio de Política Territorial e Administración Pública vén de facer balance dos resultados acadados coa campaña de información e divulgación @dministración. Todos los servicios en tu mano, posta en marcha o pasado 21 de novembro para fomentar o uso da administración electrónica entre a cidadanía e as empresas.
No transcorrer desta campaña, máis de 3.400 galegos e galegas participaron en sesións de dinamización e informáronse das vantaxes de usar os servizos telemáticos postos en marcha polo Goberno central, comprobando o seu funcionamento de primeira man.
Máis polo miúdo, do 21 de novembro ao 20 de decembro, un equipo de formadores mostroulles, de maneira práctica, o funcionamento e as aplicacións dos distintos servizos electrónicos de ámbito estatal, e máis do 83 por cento das persoas asistentes manifestaron ao rematar que “pensan usar Internet para realizar os trámites coa Administración”.
Durante a campaña, o equipo de formadores informaron das funcionalidades dos servizos públicos electrónicos e realizaron probas prácticas de acceso aos mesmos, dos cales máis da metade realizáronse empregando o DNIe como medio seguro de identificación por Internet, un documento que xa teñen máis de 26 millóns de españois e que constitúe un dos piares fundamentais da Administración Electrónica no noso país.
Responsables da campaña comprobaron que os servizos máis demandados pola cidadanía foron a consulta de puntos do carné de conducir e a expedición do certificado laboral, dispoñibles a través do portal www.060.es.
Segundo datos do INE, “entre 2010 e 2011, máis de 1,2 millóns de cidadáns que residen en Galicia usaron Internet”, dos cales, o 57,2 por cento (704.323 persoas) fixérono para obter información de páxinas web da Administración; o 42,9 por cento navegaron para descargar formularios oficiais (528.242 usuarios) e o 28,6 por cento usaron a Rede para enviar formularios cumprimentados (352.161 persoas).
No eido empresarial, o INE indica que “o 81 por cento das empresas de Galicia con conexión a Internet interactuou en 2010 coa Administración Pública de xeito telemático”, das cales, o 68,9 por cento obtiveron información por medios electrónicos. Asemade, o 68 por cento das empresas descargaron formularios oficiais e máis do 63 por cento devolveu cumprimentada esta documentación.
Estes datos non só confirman o éxito da campaña levada a cabo a nivel nacional, senón a boa saúde da Administración Electrónica no noso país.

PUBLICIDADE