Máis de 300 persoas participaron na visita guiada a AtlantTIC

luns, 12 de novembro do 2018 Fernando Sarasketa

O pasado 9 de novembro o centro de investigación AtlantTIC do Campus de Vigo, centrado en Tecnoloxías da Información e a Comunicación, celebrou unha xornada de portas abertas. Ou sexa, que se abriu á cidadanía de a pé e fixo gala dos seus principais proxectos e desafíos. Na cita participaron finalmente máis de 300 persoas, co que se superaron amplamente os prognósticos da organización, que, trala xuntanza, mostrou a súa intención de facer que este tipo de actividades (este achegamento de AtlantTIC á sociedade galega) sexa algo regular e co que poidamos contar cada pouco.
Amais da visita guiada en si mesma, a experiencia veu acompañada dunha ducia de obradoiros e experimentos que deron a oportunidade de coñecer en detalle, aos máis de 300 asistentes que se achegaron ás instalacións, as novas tecnoloxías como a impresión 3D, os nanosatélites, o recoñecemento facial, as aplicacións móbiles deseñadas para facilitar a comunicación a persoas con dificultades específicas ou as ferramentas de detección de manipulacións en fotos e vídeos, entre outros achados innovadores.
Carlos Mosquera, director do centro, mostrou deste xeito a súa satisfacción coa experiencia: “Estamos sorprendidos pola cantidade de xente que participou. Superáronse todas as nosas expectativas, sobre todo tendo en conta as malas condicións climatolóxicas que nos acompañaron durante toda a tarde. Ás veces os investigadores e investigadoras estamos moi centrados no noso traballo e non nos damos conta do que pode interesar todo o que facemos e estas xornadas demostran que a xente ten gañas de coñecer o que se fai na Universidade de Vigo”.
O itinerario guiado incluíu un achegamento ao laboratorio de seguimento de satélites (que conta cun gran número de antenas e un moderno equipamento electrónico que permite participar en todas as etapas que seguen ao lanzamento dunha misión espacial), e ao laboratorio de acústica, no que as persoas participantes puideron coñecer a cámara semianecoica e distintos equipamentos.
A visita integrouse no programa de actividades de divulgación científica e tecnolóxica Ciencia Singular, creado para amosar á sociedade o traballo desenvolvido nos tres centros singulares de investigación da universidade viguesa: AtlantTIC, o Centro de Investigación Mariña (CIM) e o Centro de Investigacións Biomédicas (CINBIO).
O encargado de levar a cabo as actividades foi o persoal dos grupos de investigación que conforman o devandito centro TIC.

PUBLICIDADE