Máis de 340 estudantes participan no arrinque do proxecto Emprendendo nas Aulas da Cámara de Santiago

venres, 28 de novembro do 2025 S. P.

Máis de 340 mozas e mozos participaron xa nas actividades do proxecto Emprendendo nas Aulas da Cámara de Santiago, que arrincou hai dous meses e que está encadrado no programa Provincia Emprendedora, impulsado entre a Cámara de Comercio de Santiago e a Deputación Provincial da Coruña. Entre os seus obxectivos figura o fomento do espírito emprendedor no eido educativo. Calcúlase que, ao longo do curso escolar, sexan desenvolvidas máis de 60 sesións na que participarán máis de 600 asistentes.
O obxectivo concreto é apoiar e promoción do emprendemento e da actividade empresarial na provincia como “fórmula para a creación de emprego estable e de calidade, así como para a xeración de riqueza e o desenvolvemento socioeconómico no ámbito provincial”. Tamén a formación tecnolóxica.
O convenio contempla como un importante eixo de actividade o fomento do espírito emprendedor no eido educativo.
Con Emprendendo nas Aulas búscase prestar apoio aos centros educativos da demarcación cameral en materia de emprendemento e competencias transversais asociadas ao mesmo. En coordinación co profesorado planifícanse e realízanse sesións axustadas ás súas necesidades, como complemento á súa actividade docente.
Diríxese a alumnado diverso, en función das demandas dos centros educativos, contemplando dende ciclos superiores de formación profesional ou graos, ata alumnado de bacharelato, 4º da ESO ou incluso cursos inferiores a petición do propio profesorado.
As distintas sesións desenvolveranse ao longo do curso académico 2025/26, tendo comezado a principios de outubro de 2025 e rematarán en marzo-abril de 2026.
Actualmente están fixadas preto de 60 sesións en distintas localidades e centros de municipios como Santiago de Compostela, Vedra, Porto do Son, Mazaricos, Muros, O Pino, A Pobra do Caramiñal, etcétera, cunha asistencia prevista de máis de 600 alumnas/os.
Programa aberto
Dado o interese suscitado, prevese a ampliación das actividades inicialmente previstas, para dar cobertura a máis centros.
Aqueles centros educativos que desexen recibir máis información sobre este programa deben poñerse en contacto enviando un correo electrónico a emprende@camaracompostela.org ou chamando ao teléfono 981 596 800 (área de emprendemento).