Máis de 350 mozos se xuntarán na XI edición da FIRST LEGO League

mércores, 12 de febreiro do 2025 Redacción

A Universidade da Coruña (UDC) organiza a XI edición da FIRST LEGO League Galicia (FLL Galicia) o vindeiro 22 de febreiro, no Campus Industrial de Ferrol, entre as 9:00 e as 18:00 horas. Un total de 53 equipos (27 na categoría FLL Challenge, 22 na FLL Explore e 4 na FLL Discover) e máis de 350 mozos e mozas de distintos puntos de Galicia e de Asturias participarán neste evento coordinado polo profesor José Antonio Becerra. Poderá seguirse en directo a través da canle oficial de YouTube da FLL Galicia.
A sala anexa ao Salón de Actos Concepción Arenal do Campus Industrial de Ferrol acolleu esta mañá a presentación da nova edición da FLL Galicia, á que asistiron a vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Ana Ares; a concelleira de Educación, Universidade e Política Lingüística do Concello de Ferrol, Patricia Cons; o director do Campus Industrial da Universidade da Coruña, Marcos Míguez; e o director da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), Vicente Díaz.
Na súa intervención, o coordinador da FIRST LEGO League Galicia, José Antonio Becerra, explicou que o torneo terá lugar, por terceiro ano consecutivo, no Campus Industrial de Ferrol. As presentacións dos Proxectos de Innovación faranse nas aulas da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) e nas da Facultade de Humanidades e Documentación mentres que o Xogo do Robot se disputará no Pavillón de Esteiro e a entrega de premios terá lugar, en horario de tarde, no Auditorio de Ferrol. Do mesmo xeito, aproveitou tamén para agradecer o traballo que realizan os preto de 100 voluntarios e voluntarias da Universidade da Coruña (UDC) que ano tras ano colaboran nesta iniciativa.
Pola súa banda, a vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Ana Ares, destacou a relevancia dun evento internacional que “une ao campus” e que “atrae ata este espazo e ata esta cidade a un moi bo número de mozos e mozas de distintos puntos de Galicia e de Asturias”. Acto seguido, fixo fincapé no papel que xogan as entidades colaboradoras, citando a todas as empresas e entidades que forman parte do proxecto e agradecendo o apoio prestado pola Xunta da Galicia, a Deputación da Coruña e máis do Concello de Ferrol.
Do mesmo xeito, a concelleira de Educación, Universidade e Política Lingüística, Patricia Cons, puxo en valor todo o traballo que realiza o profesorado e alumnado implicado neste programa educativo internacional “fóra de horario lectivo, botando man do seu tempo libre e de ocio”. Para rematar, o director do Campus Industrial da Universidade da Coruña (UDC), Marcos Míguez, e o director da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), Vicente Díaz, aseguraron que a elección Ferrol como sede da grande final nacional da FIRST LEGO League, programada para o 29 de marzo, é “un premio” a todo o traballo realizado a prol da promoción das materias STEAM nestes últimos dez anos.