Máis de 40 firmas participan na I Feira Festalent que se inaugura este xoves en Ferrol

mércores, 15 de novembro do 2023 S. P.

A vicerreitora da UDC María José Lombardía Cortiña, a concelleira de Educación, Patricia María Cons Formoso, o coronel da Armada, Santiago Liaño Núñez, e a directora do Campus Industrial de Ferrol (UDC), Ana Ares Pernas, inauguran este 16 de novembro (ás 11:30 horas no Pavillón de Batallóns) a I Feira de Empresas e Talento Festalent na que participan máis de 40 firmas e institucións da comarca de Ferrolterra e de distintos puntos de Galicia.
Nunha zona anexa ao espazo ocupado polas mesas informativas no Pavillón de Batallóns, celebraranse as entrevistas rápidas entre o persoal dos departamentos de Recursos Humanos ou Captación de Talento e o alumnado universitario e o de ciclos medios e superiores de formación profesional inscrito nesta actividade da I Feira de Empresas e Talento Festalent.
Segundo fixo saber a directora do Campus Industrial da Universidade da Coruña, Ana Ares Pernas, o obxectivo desta iniciativa é o de “establecer encontros de non máis de 10 minutos de duración entre o tecido empresarial e as persoas interesadas o que lles permitirá presentar as súas candidaturas nun tempo récord e optimizar de xeito significativo os procesos de selección”.
De xeito paralelo, a Aula 16 da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) e o Salón de Actos Concepción Arenal do Campus Industrial de Ferrol acollerán preto de 30 conferencias nas que participan boa parte das firmas e institucións que sumaron a esta I Feira de Empresas e Talento Festalent. Nesta ocasión, tal e como afirma Ana Ares Pernas, “a finalidade non é outra que darlles voz para que poidan explicar ao público participante como é o seu día a día, que perfís demandan ou cales son as oportunidades reais para desenvolver unha carreira profesional nesa empresa ou institución”.
Colaboran nesta I Feira de Empresas e Talento Festalent do Campus Industrial da Universidade da Coruña o Concello de Ferrol, a Armada, Gabadi, o Grupo JRilo, Detegasa, o Grupo Intaf, El Pulpo, o Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais da Coruña (COETICOR) e a Asociación de Industrias do Metal e Tecnoloxías Asociadas de Galicia (ASIME).

PUBLICIDADE