Máis de 400 persoas participaron nos obradoiros itinerantes do Enredando Tour
mércores, 25 de setembro do 2024
A iniciativa Enredando Tour, impulsada pola AMTEGA e Cruz Vermella, pechou hoxe a súa segunda edición en Betanzos. Esta xornada final, centrada na banca electrónica, contou coa presenza do director da AMTEGA, Julián Cerviño; o director provincial de Cruz Vermella na Coruña, Manuel Viqueira; e a presidenta da Asociación Española de Banca, Alejandra Kindelán.
O responsable da Axencia autonómica destacou o crecemento experimentado en Galicia nos últimos anos no uso de tecnoloxías entre as persoas maiores. Segundo os datos do OSIMGA, son xa preto dun 70% as persoas maiores de 64 anos que usan internet. Delas, máis da metade utilizan os servizos da banca electrónica e unha porcentaxe semellante solicita citas médicas por esta vía.
Julián Cerviño destacou a importancia da colaboración cos concellos de Galicia para a implantación da rede CeMIT, conformada por 94 aulas repartidas por toda Galicia; e agradeceu a implicación de institucións como a Cruz Vermella en iniciativas como Enredando Tour.
Máis de 400 participantes
Un total de 417 persoas participaron nesta segunda edición de Enredando Tour, que comezou o pasado mes de xullo en Noia e percorreu unha vintena de localidades cun programa formativo itinerante orientado especialmente a persoas de 55 anos ou máis. Esta iniciativa ten como obxectivo promover a capacitación dixital das persoas maiores a través de diversos obradoiros, ferramentas dixitais e contidos especializados.
A furgoneta do Enredando Tour percorreu este ano preto de 1.590 quilómetros e contou co apoio de 35 voluntarios de Cruz Vermella que impartiron obradoiros para mellorar habilidades básicas como aprender a navegar por internet, ter unha conta de correo, enviar mensaxes ou facer videochamadas.
Ademais, nesta edición incorporáronse novos contidos sobre aplicacións que empregan intelixencia artificial e conceptos como a realidade inmersiva e realizáronse sesións dedicadas de maneira específica á banca dixital e á ciberseguridade.