Máis de 430 persoas participaron na formación sobre ciberseguridade na Rede CeMIT

venres, 29 de decembro do 2023 S. P.

Xornada sobre ciberseguridade celebrada na Aula CeMIT de Fisterra

Máis de 430 persoas participaron no ciclo formativo sobre ciberseguridade para a cidadanía entre os meses de marzo e decembro deste ano, desenvolvido nunha vintena de aulas da Rede CeMIT. A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia pechou unha nova edición desta actividade para concienciar á cidadanía, e especialmente ás persoas maiores, sobre os posíbeis riscos da contorna virtual e as medidas para poder previlos.
Durante estes nove meses e baixo o lema O teu día a día en liña, con seguridade, leváronse a cabo 38 sesións formativas en 20 concellos de toda Galicia de xeito presencial nas aulas da Rede CeMIT e no Centro GaiásTech da Cidade da Cultura. No 2024 está previsto dar continuidade a esta programación.
O obxectivo desta actividade foi “favorecer unha contorna dixital segura” e “afrontar de forma colaborativa os novos retos da cidadanía no seu día a día no marco do reforzo das medidas de concienciación en materia de seguridade dixital e en liña coa Estratexia Galega de Ciberseguridade”.
A Rede Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica (CeMIT) é unha iniciativa posta en marcha pola axencia autonómica AMTEGA, que conta coa colaboración de 90 concellos. Ten entre os seus obxectivos o de promover o uso da tecnoloxías entre a poboación, con especial atención aos colectivos máis afectados pola fenda dixital, fomentar a formación e amosar as vantaxes da sociedade dixital.

PUBLICIDADE