Máis de 45.000 firmas galegas afrontaron a súa transformación TIC coas axudas do Kit Dixital
xoves, 5 de xuño do 2025
Máis de 45.000 pemes galegas beneficiáronse ata a data do Kit Dixital, o programa pioneiro de Red.es de bonos para a adquisición de servizos dixitais, que puxo en marcha o Goberno de España con axudas a fondo perdido para apoiar e asesorar na transformación dixital de pemes e persoas autónomas, financiadas con fondos europeos. Na provincia de Pontevedra o programa beneficiou ata o momento a 15.364 pemes, cun investimento estatal de 64 millóns de euros; máis de 5.000 en Vigo con 21 millóns de euros de investimento. Estas cifras foron achegadas este xoves 5 de xuño nun encontro empresarial celebrado na Zona Franca de Vigo.
Baixo o título A dixitalización ao teu alcance, o director de Red.es, Jesús Herrero, informou que a data de hoxe “as pequenas e medianas empresas galegas e profesionais autónomos recibiron 175 millóns de euros con esta panca dixital”.
Tamén lembrou a responsables de empresas instaladas nos parques do Consorcio que as axudas do Kit Dixital poderán seguir solicitándose ata o 30 de xuño en caso das medianas empresas e ata outubro para as microempresas e autónomas. Seguindo este fío, animou ás firmas que aínda non o fixeron “a non deixar pasar a oportunidade de sumarse a un proceso imparable e necesario para afrontar con éxito o presente e o futuro das pemes”.
O programa Kit Dixital, dotado con 3.000 millóns de euros, impactou en empresas instaladas no 92% dos concellos españois.
O delegado do Estado na Zona Franca, David Regades agradeceu a presenza do director de Red.es e lembrou a “importancia da transformación dixital das empresas para gañar en competitividade, porque os que non entren ficarán fóra da modernización do tecido produtivo”.
Durante o encontro, Jesús Herrero tamén se referiu a outros programas de bonos como o Kit Consulting, xestionado por Red.es e a Cámara de Comercio, con axudas de ata 24.000 € para pemes de entre 10 e 250 empregados. “Este programa tivo unha boa acollida xa que, co prazo de solicitudes pechado no pasado marzo, beneficiáronse máis de 900 pemes de Galicia que recibiron 11 millóns de euros”, sinalou, engadindo que en Vigo “foron 120 empresas as beneficiarias cun investimento de 1,7 millóns de euros”.
O Kit Consulting, igualmente financiado con fondos Next Generation, contou cun enfoque integral e estratéxico de asesoramento para as pemes dando un paso máis en eidos como a IA, as vendas dixitais, as análises de datos, os procesos de negocio ou a ciberseguridade. Solicitárono moitas das empresas que xa viviron unha primeira etapa co Kit Dixital e, de feito, o 80% das pemes beneficiarias de Kit Consulting sono tamén de Kit Dixital.
Tanto o delegado do Estado na Zona Franca como as empresas asistentes ao encontro mostraron o seu interese pola exposición que o responsable de Red.es desenvolveu ao redor da aplicación da IA no proceso de dixitalización das empresas, na mellora do sector sanitario, pero tamén na propia xestión de solicitudes de Kit Consulting. “Por primeira vez, unha plataforma de Intelixencia Artificial que serve de apoio e soporte no proceso de verificación das xustificacións dos servizos de asesoramento dentro da Administración Pública. Grazas ao modelo de IA utilizado reducimos ata un 80% nos tempos de tramitación da xustificación dun expediente. Isto permítenos pasar de revisar un documento en 5 horas a 1,5 horas (90 minutos)”, sinalou o responsable de Red.es.
Ferreiro destacou (en referencia á seguinte fase de dixitalización que supera a concorrencia non competitiva) a liña de IA que achegará 130 millóns de euros a diferentes sectores económicos impactando en 300 proxectos aproximadamente, 50 millóns para o sector saúde e 87 á colaboración con concellos para a promoción de cidades e territorios intelixentes. Ademais avanzou que se van a destinar 40 millóns de euros en aplicación da IA ás pemes.