Máis de 45 persoas aprenden competencias tecnolóxicas da man de FADEMGA

mércores, 18 de outubro do 2023 S. P.

Na mañá deste martes 17 de outubro o equipo de Transformación Dixital de FADEMGA Plena Inclusión Galicia desprazouse ata a asociación de ASPANAEX para impartir a cuarta sesión do curso Adquisición de Competencias Dixitais para persoas con Discapacidade Intelectual. Trátase dun catálogo formativo que se enmarca dentro do proxecto de Transformación Dixital para a Inclusión, coordinado por Plena Inclusión España e Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno, e amparado polos fondos europeos Next Generation.
Así, dez persoas usuarias con diversidades cognitivas puideron aprender nesta xornada a traballar co buscador de Internet, a dar formato aos seus textos nun documento, así como a elaborar un simulacro de correo electrónico para tratar os datos persoais e entender a estrutura do mesmo; tamén lles ensinaron recursos para usar os dispositivos con axilidade mediante controis ou pantalla partida. Por último, entregaron un caderno dixital coas tarefas da sesión anterior e debateron nun foro sobre a identidade dixital. Este grupo terá unha formación tódolos martes, de 10:00 a 14:00 horas, ata o 13 de decembro de 2023.
Ademais, outras trinta persoas usuarias de FADEMGA do territorio galego tamén están inscritas no proxecto. Doce delas reciben a formación no edificio de Neira de Mosquera de FADEMGA Plena Inclusión Galicia, en Santiago de Compostela, tódolos mércores; outras dez persoas asisten os xoves á oficina desta mesma federación na cidade herculina; e a Asociación ASPRONAGA, localizada tamén na Coruña, conta cun grupo de traballo de doce persoas e realizan as sesión dende a súa entidade.
A finalidade deste proxecto é “a de capacitar a este colectivo en habilidades coa tecnoloxía e acabar coa fenda dixital que actualmente existe por falta de accesibilidade e formación”, sinalan dende FADEMGA, engadindo que outro dos obxectivos é “mellorar a metacognición, autonomía e sociabilidade das persoas participantes con discapacidade intelectual”.
FADEMGA Plena Inclusión Galicia, é a federación de asociacións en favor das persoas con discapacidade intelectual.

PUBLICIDADE