Máis de 50 de directivos reúnense en Santiago nun encontro con Paco Salcedo, presidente de Microsoft España

mércores, 18 de xuño do 2025 S. P.

A Asociación para o Progreso da Dirección (APD), de man de Abanca e en colaboración con MCN Audiovisuais, celebraron este mércores 18 de xuño a cuarta edición do encontro Líderes que deixarán pegada, que xuntou numerosos empresarios para falar do liderado na empresa galega cunha perspectiva tecnolóxica da man de Paco Salcedo, presidente de Microsoft España.
A inauguración do encontro correu a cargo de Teresa Ramos, conselleira da zona noroeste en APD e directora xeral de ACTEGA Artística, que deu paso á intervención do presidente de Microsoft.
Paco Salcedo apuntou na súa intervención que “o valor da Intelixencia Artificial está en quen o aplica mellor”. O directivo resumiu o impacto da IA sobre catro eixos principais: a mellora da experiencia do empregado, a reinvención da relación co cliente, a optimización dos procesos de negocio e o impulso do ciclo de innovación. “O uso da IA debe ser responsable”, destacou o presidente, que considerou “de vital importancia” a adopción de modelos éticos no uso de IA e pedía ás empresas viabilidade, transparencia e seguridade nos seus métodos.
Ademais, o directivo aproveitou a ocasión para sinalar un plan que están a preparar desde Microsoft xunto á Xunta de Galicia que pretende formar a máis de 45.000 mozos galegos en Intelixencia Artificial. “Os directores executivos están dispostos a contratar a xente que saiba sobre isto e non teña tanta experiencia”, explicou Salcedo, engadindo que “para 2030 prevese que as tecnoloxías relacionadas coa IA xeren no PIB de Galicia 5.000 millóns de euros e 9.300 empregos”.
Tras o relatorio, houbo marxe para un micro aberto no que os asistentes tiveron a oportunidade de charlar con Paco Salcedo sobre temas como o mantemento da diferenciación das empresas neste panorama, os retos e a situación das pemes ou de como a educación non se adapta á rapidez do avance tecnolóxico.
Tras a súa intervención, Salcedo participou nunha conversa coa directiva galega, Cristina Vázquez, directora executiva (CEO) de Teimas. Ambos os directivos salientaron a importancia dos valores como unha das claves do bo liderado, ao que hai que sumar claridade, enerxía positiva e resultados íntegros. A maiores, Vázquez defendeu que “o seu liderado tiña como bases a defensa do propósito da empresa, a xestión de persoas e a comunicación con transparencia e empatía”.
Ambos incidiron tamén na defensa do talento e a diversidade nas organizacións, sinalando que “a diversidade é a mellor maneira de obter talento e a inclusión a mellor maneira de retelo”.