Máis de 500 axentes económicos participarán nos primeiros fotos de debate da Estratexia Dixital 2030

luns, 24 de xuño do 2019 Redacción

Segue no seu avance a elaboración da Estratexia Dixital de Galicia 2030, un plan que marcará o paso a seguir da nosa terra os vindeiros anos en materia de dixitalización e que quere ser un punto de apoio básico para afrontar os desafíos das nosas entidades, empresas e colectivos no camiño da transformación. Este “avance” da Estratexia materializarase na primeira semana de xullo coa celebración duns foros de debate profesional aos que están convocados axentes sociais e económicos da Comunidade. Estas xornadas, organizadas pola AMTEGA en colaboración cos diferentes departamentos da Xunta e as tres universidades galegas, constitúen, en palabras da axencia, “o primeiro dos fitos previstos na elaboración da Estratexia”.
En total, celebraranse catro sesións de traballo que congregarán aos axentes implicados en procesos de transformación dixital en distintos ámbitos de actuación, contando coa participación de representantes das principais empresas da Comunidade, do hipersector TIC, das institucións públicas e da sociedade civil.
AMTEGA tamén lembra que se trata dos primeiros encontros previstos ao abeiro do proceso participativo no que se mergulla a Estratexia, un labor colectivo no que se contará tamén coas achegas da cidadanía a través do portal da axencia autonómica (https://amtega.xunta.gal/edg2030-participa), así como dun comité de expertos que trasladen a súas expectativas, visións e preocupacións en torno a retos definidos previamente coas diferentes consellerías. O obxectivo final é “dispoñer dunha folla de ruta para abordar os retos derivados da transformación dixital”.
Workshops arredor de catro temas
Máis de 500 profesionais de diferentes ámbitos, artellados nunha ducia de grupos de traballo, abordarán nestas sesións as liñas de actuación arredor das catro áreas temáticas. Así, no encontro Territorio Verde e Conectado, afondaranse nas medidas en torno á conectividade, as infraestruturas intelixentes e o sector primario. Baixo o epígrafe Vida Dixital e Intelixente debaterase en torno a saúde e o benestar, a cultura e a educación dixital de cara a vindeira década. No foro sobre Economía Aberta analizaranse as necesidades do mundo laboral cambiante e a economía verde dixital. Para rematar, a xornada sobre Especialización Tecnolóxica centrarase nas novas tendencias tecnolóxicas o talento dixital e o emprendemento.
A Estratexia Dixital de Galicia 2030 quere contribuír a un desenvolvemento sustentábel da Comunidade tanto a nivel económico, como social e medioambiental. Esta nova folla de ruta para a vindeira década enmárcase na políticas europeas para incrementar o despregue de tecnoloxías dixitais clave a gran escala e promover a súa adopción para que os beneficios da transformación cheguen a todo o mundo.

PUBLICIDADE