Máis de 500 estudantes, familias e docentes participaron nas xornadas sobre ciberacoso da Deputación en Ferrolterra
venres, 28 de marzo do 2025
Máis de 500 estudantes, familias e docentes participaron nas xornadas Problemas dixitais, solucións reais, organizadas pola Deputación da Coruña en varios centros educativos galegos co obxectivo de sensibilizar sobre os riscos do uso das redes sociais, ofrecer ferramentas para previr e actuar ante o ciberacoso e mostrar recursos dos que se pode botar man para ter navegacións seguras e saudábeis.
Ao longo de catro días, a experta en acoso dixital Sara García Antúnez, presidenta da asociación Stop Haters, e o creador de contidos dixitais Diego Arroba "El Cejas", achegaron experiencias, consellos e recursos tanto a adolescentes como a familias. As charlas tiveron lugar no IES Breamo e o CPR Plurilingüe San José, de Pontedeume; o IES Plurilingüe Castro da Uz e IES Moncho Valcarce, das Pontes; o IES de Ortigueira e o IES de Fene.
O formato das xornadas favoreceu unha participación activa e próxima tanto co alumnado como coas familias. Abordáronse cuestións como o grooming, o respecto á privacidade e os protocolos de actuación fronte a situacións de risco. No caso do alumnado, empregáronse stories nas redes sociais de @stophaters_ para lanzar preguntas de forma anónima, xerando un espazo de confianza no que reflexionar sobre as condutas habituais no ámbito dixital. A dinámica favoreceu unha participación aberta, directa e moi positiva.
A Deputación fixo saber que “nas sesións para familias quedou patente tanto o interese como o descoñecemento sobre moitas das ameazas actuais na contorna dixital, como os chats sen rexistro, as identidades falsas ou a exposición a contidos nocivos”.
Ofrecéronse ferramentas prácticas e pautas adaptadas ao fogar para acompañar aos menores no uso responsábel da Internet.
"Desde o departamento de orientación do IES Breamo, queremos destacar o gran impacto positivo que tivo a actividade realizada no noso centro sobre o ciberacoso. Non só foi unha sesión enriquecedora pola relevancia do tema, senón tamén pola proximidade e o interese que espertou no noso alumnado. Contar coa presenza dun influente referente para eles como Diego foi clave para conectar coa súa realidade dixital e ofrecerlles unha visión próxima e práctica sobre os riscos e a importancia do uso responsable das redes sociais. O diálogo xerado foi moi enriquecedor e permitiu que o alumnado reflexionase sobre a empatía, a seguridade e o respecto no entorno dixital. Agradecemos a todas as persoas que fixeron posible esta actividade e agardamos que no futuro poida repetirse co resto do alumnado”, sinalaron dende o IES Breamo.
Segundo datos de UNICEF, dous de cada dez adolescentes poderían estar sendo vítimas de ciberacoso, unha cifra que, para a Deputación, “evidencia a necesidade de iniciativas como esta para reforzar a prevención desde o contexto educativo e familiar”.
A boa acollida do programa abre a porta a estender esta proposta a outros centros educativos do territorio da provincia nas vindeiras edicións.