Máis de 54.300 persoas maiores da nosa terra incorporáronse á Rede entre 2021 e 2023

luns, 23 de setembro do 2024 S. P.

Preto do 70 % dos galegos e galegas de máis de 65 anos empregan Internet, o que supón un incremento dun 10 % no último ano. Son datos do estudo Séniors dixitais. Edición 2023 elaborado polo Observatorio da Sociedade da Información en Galicia (OSIMGA), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA). No informe ponse o foco no crecemento sostido do uso da Rede entre as/os maiores, o que se traduce na incorporación á Rede de máis de 54.300 persoas sénior entre 2021 e 2023. Este dato ten aínda máis relevancia se temos en conta que se trata dun colectivo que representan máis da cuarta parte da poboación na nosa terra.
O documento salienta tamén un crecemento de case un 12 % no uso de Internet entre os galegos e galegas de máis de 74 anos aínda que a porcentaxe de internautas desta idade é do 22,5 %.
Uso de Internet
O uso do comercio electrónico creceu máis dun 40 % en dous anos entre as persoas maiores de 74 anos, das que máis do 16 % mercan online. No informe faise saber tamén que no caso das persoas de 65 a 74 anos o uso do comercio electrónico sitúase preto do 20 % e que “máis do 43 % dos maiores de 65 anos utilizou Internet para realizar xestións coas administracións públicas”. Na maioría dos casos para buscar información e enviar formularios cumprimentados. Por outra banda, no 2023 afianzouse entre os maiores de 64 anos o uso da banca electrónica, a xestión das citas médicas a través dunha páxina web ou app móbil, ou a busca de información sobre temas de saúde.
Así, máis do 55 % dos internautas maiores de 65 anos usan a banca electrónica; un 41,1 % no caso das persoas de máis de 74 anos, explícase no estudo, onde tamén se fai saber que preto do 50 % dos internautas de 65 aos 74 solicita citas médicas por Internet; unha porcentaxe que queda no 36,1 % no caso dos maiores de 74.
Respecto á fenda dixital de xénero, o acceso a Internet é case idéntico entre homes e mulleres de 65 a 74 anos pero a partir dos 74, os homes superan ás mulleres en máis de 6 puntos (26,1 % e 20 %).
Dispositivos electrónicos
No documento explícase a maiores que o maior uso de Internet vai parello ao incremento de dispositivos electrónicos entre as persoas de máis de 65 anos. O estudo sinala que o 70,3 % dos galegos de 65 a 74 anos xa usan o smartphone e fano tamén preto dun 30 % dos maiores de 74. Canto aos computadores, son empregados por un terzo dos galegos e galegas dos 65 aos 74 anos e por máis do 8 % das persoas maiores de 74.
No uso de todos estes dispositivos, “os homes de máis de 74 anos superan claramente o nivel de dixitalización das mulleres”, sinálase no documento, no que se engade que “entre os 65 e os 74 anos son as mulleres as que utilizan máis os dispositivos móbiles e smartphones que os homes”.
Conexión a Internet
0 63,1 % dos fogares con persoas maiores de 74 anos teñen acceso a Internet, o que supón un incremento do 2,6 % respecto ao ano anterior. Máis do 71 % destes fogares con conexión a Internet, contan cunha velocidade igual o superior aos 30 Mbps.